DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na celebración do I Foro de Debate Profesional organizado por Amtega

A futura estratexia dixital de Galicia comeza a debaterse no campus

A temática de análise na primeira sesión foi ‘territorio verde e conectado’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Reitor
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 01/07/2019

Profesionais do sector primario, forestal, turístico e tecnolóxico, xunto con responsables de diferentes departamentos da administración autonómica e da universidade, déronse cita este luns no campus de Ourense para debater sobre a Estratexia Dixital de Galicia 2030 e “sobre como aplicar a tecnoloxía á xestión territorial intelixente”. Foi no primeiro dos catro foros organizados esta semana pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con diferentes departamentos da Xunta de Galicia e as tres universidades galegas e nos que participarán arredor de 500 persoas.

Este I Foro de Debate Profesional. Proceso de elaboración da Estratexia Dixital Galicia 2030 (Edg2030), que tivo lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática, xirou arredor da conectividade de altas capacidades, do incremento da competitividade do sector primario, do reto demográfico, dos novos modelos de transporte e da eficiencia enérxica. Na súa inauguración, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, agradeceu que o inicio deste debate se produza na institución académica. Recoñecendo como “é moi difícil saber cara onde vai o futuro”, o reitor salientou como “unha mirada múltiple, na que participemos todos, seguramente será moito máis acaída”. Así, o reitor fixo fincapé en que ante os retos que ten Galicia, como o demográfico ou o do desenvolvemento rural, “se queremos favorecer a vida das persoas precisamos unha sociedade que sexa máis próspera, máis xusta e máis igualitaria e todo iso non se vai poder facer se non damos un paso adiante que ten que ver co coñecemento, co espallamento das novas tecnoloxías e con non perder o ámbito humanístico”.

Pola súa banda Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), indicou como este debate se produce ante o feito de que a Axenda Dixital de Galicia 2020 remata para o vindeiro ano. Durante a súa intervención, Pereira salientou como a aplicación das tecnoloxías disruptivas ten un importante potencial para o desenvolvemento económico pero tamén implica enfrontarse a importantes dilemas éticos que precisan dun enforque multidisciplinar. Neste sentido, a directora de Amtega quixo recalcar que, no proceso de elaboración da Estratexia Dixital Galicia 2030, ademais da colaboración do sector tecnolóxico, terán un papel chave outros ámbitos como o humanístico e ético, o xurídico ou o económico.

12 grupos de traballo

Segundo explican desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, estes foros de debate constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia Dixital Galicia 2030. En total, indican, celebraranse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña que congregarán a arredor de 500 axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación e de representantes  das  principais empresas da  comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil. Repartidos en 12 grupos de traballo, as e os participantes farán as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura estratexia arredor de catro áreas temáticas, como son territorio verde e conectado, vida dixital, economía aberta e especialización tecnolóxica.

A Estratexia Dixital Galicia 2030, indican desde Amtega, “quere contribuír a un desenvolvemento sostible da comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental”. Para a súa elaboración establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades. Estas achegas multidisciplinares, indican desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego, entre outros aspectos.