DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo REDE participa na elaboración dun mapa que identifica 60 axentes de investigación

Galicia avalía as súas capacidades e coñecementos para facer fronte ao cambio climático

Os sectores máis destacados son a alimentación, a industria e os ecosistemas mariños

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 18/11/2019

A Xunta de Galicia acaba de presentar a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, un plan que comprende 170 medidas e unha inversión de 1250 millóns de euros ata 2023 para cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea para 2050 que obrigan a reducir nun 40% as emisións de CO2. Este texto, presentado polo presidente Alberto Núñez Feijóo e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, aposta de maneira clara pola investigación para frear o avance do quentamento global e paliar os seus efectos. Para iso, o documento do executivo autonómico inclúe un Mapa de Coñecemento e Capacidades de Galicia neste eido, cuxa elaboración foi liderada polo grupo REDE, da Universidade de Vigo. Un dos seus investigadores, Carlos Rodríguez, foi o encargado de presentar este mapa das estruturas de coñecemento que, segundo explica, está conformado por 60 axentes de investigación, dos cales 14 son centros tecnolóxicos, 12 organismos públicos e privados de investigación e 34 son grupos de investigación universitarios das tres universidades galegas.

Un soporte para a toma de decisión

O investigador da Universidade de Vigo lembra que foi a propia Xunta de Galicia a que apostou por este mapa, cualificándoo como “un dos contidos máis relevantes da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050”.  E é que o deseño dunha estratexia de xestión do coñecemento en cambio climático “axuda a garantir que a información relevante, identificada a través dun mapa de coñecemento e capacidades chegue en tempo e forma aos lugares nos que se toman as decisións ou se emprenden accións que afectan ao cambio climático”.

Este Mapa de Coñecemento e Capacidades de Galicia para afrontar o cambio climático pretende caracterizar a investigación neste eido nun marco temporal concreto, pero concibido para manterse en continua evolución reflexando o ecosistema de coñecemento galego convenientemente catalogado e actualizado. Segundo o estudo, as principais capacidades do ecosistema galego de coñecemento concéntranse principalmente nas áreas relativas á alimentación, a industria e os ecosistemas mariños.

Tres fases para elaborar o mapa

Os traballos conducentes ao desenvolvemento deste mapa estruturáronse en tres grandes fases. A primeira delas consistiu na clasificación do coñecemento en materia de cambio climático, “do mesmo xeito que, por exemplo, o CNAE serve para clasificar as actividades económicas”, apunta Carlos Rodríguez. A segunda fase centrouse en identificar os axentes de investigación e proceder á recompilación do seu coñecemento e, finalmente, na terceira procedeuse a analizar como interactuaban estes axentes e que limitacións ou barreiras atopaban para estas interaccións. 

Dos 60 axentes de investigación analizados, sinala o experto de REDE, pódese observar que “destaca a capacidade do noso ecosistema en tres eidos”: os alimentos procedentes da agricultura, a gandaría, a pesca e outros produtos do ecosistema con 22 axentes de coñecemento. Por detrás está o sector industrial con 20, os ecosistemas mariños con 18 e, no apartado de ciencia e fenómenos físicos, é a materia relacionada co océano, a criosfera e o nivel do mar a que conta cun maior número de axentes de investigación, 13 en total”. No outro extremo estarían, engade, seis áreas con menos de catro axentes de investigación relacionados, destacando especialmente o ámbito da aceleración da transición no contexto do desenvolvemento sostible, no que, segundo a información recompilada, so hai dúas unidades de investigación. Para os autores do mapa, este é un dato moi salientable, “xa que esta materia é considerada clave para afrontar, polo menos, cinco dos oito obxectivos recollidos na Estratexia; concretamente todos os plantexados en mitigación e sensibilización”. 

Reorientar a axenda de investigación para compensar desaxustes

O estudo liderado polo grupo REDE tamén identificou unha serie de contrastes neste ecosistema de estruturas de coñecemento. Explica Carlos Rodríguez que Galicia conta cunha “extensa rede de axentes de investigación de elevada cualificación, que presenta un elevado grado de colaboración, especialmente a nivel internacional”. Pero ao mesmo tempo, os propios axentes consultados identifican factores que provocan que “a eficiencia do ecosistema se resinta”. Estes factores son “fundamentalmente burocráticos, procedimentais e de financiamento”, aos que se suma certa falta de estruturas e infraestruturas “que incentiven e sosteñan unha actividade de colaboración e de interacción rexional máis intensa”. Para os autores do mapa fomentar esta colaboración é de suma importancia polo tamaño medio dos axentes de investigación, un factor que “reduce a súa competitividade e capacidade para participar en proxectos internacionais e de maior envergadura”.

En vista destes desaxustes, o documento presentado na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía aposta por reorientar a axenda de investigación para compensar os desaxustes observados entre as capacidades dispoñibles e a demanda de coñecemento que presentan os retos de futuro. En especial, os investigadores do grupo REDE consideran primordial “reforzar as liñas de traballo para o deseño de respostas coordinadas que sincronicen as necesidades curtoplacistas da actividade económica cos horizontes temporais de longo prazo que require unha resposta efectiva fronte ao cambio climático”.