DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A directora de formación de Getesa visitou o campus

O grupo de Óptica Física explora vías de colaboración co principal operador de telecomunicacións de Guinea Ecuatorial

Mónica Angue Bivini reuniuse co catedrático Humberto Michinel

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Visitas
DUVI Ourense 26/02/2020

O grupo de investigación Óptica Física da Universidade de Vigo e o principal operador de telecomunicacións de Guinea Ecuatorial, Guinea Ecuatorial de Telecomunicaciones (Getesa), están a explorar vías de colaboración. A directora de formación da entidade, Mónica Angue Bivini, visitou o campus co obxectivo de coñecer as instalacións deste grupo e valorar co seu director, Humberto Michinel, catedrático de Óptica da Universidade de Vigo, posibilidades de cooperación no eido da formación, a investigación e o emprendemento tecnolóxico.

O vínculo entre o grupo investigador e a empresa africana, comenta Humberto Michinel, xorde a raíz do nomeamento como director xeral de Getesa do enxeñeiro ecuatoguineano Carlos Esono Mikó Nsing, que realizou anos atrás o Máster Universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser que dirixía o propio Michinel no campus de Ourense. “As telecomunicacións en África son actualmente unha aposta de enorme futuro. Aínda que dentro deste gran continente a maioría dos investimentos téñense focalizado nos países máis grandes, hai que sinalar que operadores de países de pequeno tamaño, como é o caso de Getesa, soportaron ben as crises económicas e levan a cabo unha revolución tecnolóxica sen precedentes, baseándose en parte na formación, como é o caso do seu actual director xeral Carlos Esono Mikó, formado en parte na Universidade de Vigo”, comenta o catedrático ourensán.

Retos tecnolóxicos

Segundo explica Humberto Michinel, a visita ao campus de Ourense da directora de formación de Getesa, un dos líderes en servizos de telecomunicacións en África central, enmárcase na aposta pola formación da entidade, que ten seleccionado a diferentes universidades españolas como centros educativos de referencia. A visita de Mónica Angue Bivini, detalla, tivo como obxectivo “explorar novos ámbitos formativos de interese para o operador centroafricano”. Ademais de abordar cuestións educativas, a representante ecuatoguineana visitou os laboratorios do Grupo de Óptica Física e interesouse pola formación en diferentes tecnoloxías nas que se está traballando activamente este equipo, como  a iluminación led e sistemas de alumado intelixente baseados en tecnoloxía LoRa (Long Range), que permite comunicar dispositivos situados a distancias de ata dez quilómetros cun consumo enerxético mínimo nos nodos remotos. Durante o encontro, tamén se abordou a posible cooperación en formación en emprendemento tecnolóxico, abordando o caso da empresa de base tecnolóxica da Universidade de Vigo  ERH-Illumnia.

A aposta pola formación que trae a Getesa a buscar a colaboración con universidades como a de Vigo, indica Humberto Michinel, xorde ante os retos tecnolóxicos que ten a entidade, “como a migración a tecnoloxía 4G para os vindeiros meses ou importantes obras de enxeñaría como a nova conexión sen fibra óptica entre as cidades de Malabo e de Bata, que lle permitiu a Guinea acceder a unha rede de banda ancha internacional e conectarse con 23 nacións, 20 delas africanas”.