DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Silencio, tranquilidade e presión social para afrontar os exames de xaneiro

Un horario ampliado pensado para o alumnado

A apertura da sala de lectura do Mar de Vigo reduce a afluencia ás bibliotecas do campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
Ana Proupín DUVI 09/01/2019

O Nadal é un dos períodos do curso académico no que máis se enchen as bibliotecas da Universidade de Vigo debido a que o alumnado afronta os exames do primeiro cuadrimestre á volta das vacacións. En total, a institución académica conta con 11 espazos dedicados ao estudo nos tres campus, oito están situados en Vigo, dos cales dous abren en horario especial durante as vacacións: a Biblioteca Central e a de Torrecedeira. 

O estudantado que opta por preparar os exames nas instalacións universitarias faino por diferentes motivos. Paz Canduela, subdirectora da Biblioteca Universitaria, sinala que entre as causas hai, principalmente, factores externos ao alumnado que dificulten o estudo, como ruídos, despistes, ausencias de zonas de estudo e xuntanzas familiares. Para facilitar a preparación dos exames de xaneiro, as salas de estudo amplían o seu horario ata o 17 de xaneiro. 

Principais razóns para acudir ás bibliotecas

As bibliotecas da Universidade de Vigo ofertan numerosos servizos ao alumnado como aulas de informática, salas de estudo e mesmo aulas específicas para o traballo en grupo. De todos os espazos da institución habilitados para o estudo, é a de Torrecedeira a que rexistra unha maior afluencia, aínda que no campus tamén hai xente estudando tanto na Central como nas das facultades. A Biblioteca Central, explican os seus usuarios, é un lugar concorrido polo “ambiente de estudo, porque permite relacionarse coa xente, polos compañeiros, pola información, polos apuntes e, a parte, pola conexión a internet, así como polos libros e polos manuais”. Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais estuda Andrea Rodríguez Cortiñas dende o comezo do curso xa que “é un sitio silencioso e tamén é unha forma de obrigarte a prestar atención ao que estás a facer, porque na casa sempre hai cousas que distraen”. A biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución é outro punto de encontro, aínda que como explica Aurelio Casal, técnico especialista do centro, acude o estudantado de doutoramento maiormente “dado que buscan material de referencia”.

O alumnado que durante as semanas de Nadal e nestes días de exames elixe as bibliotecas da Universidade para estudar faino por diferentes motivos. Un deles é a presión social, a motivación que exercen as compañías, como afirman Antía Lago e Miriam Estévez, do grao de Enfermería, que estudan “sempre xuntas porque é moito mellor con apoio psicolóxico”. Outro motivo é o ruído, “a Biblioteca Central é das máis tranquilas e menos ruidosas, non está ateigada de xente coma outras” argumenta Raquel Davila, alumna de Administración e Dirección de Empresas. Clara Avendaño, de Tradución e Interpretación e Adrián Bello, de Enxeñaría Forestal, reforzan ambas ideas porque “a Central é o sitio máis cómodo para estudar e ten moitos pros en comparación coa casa: menos ruído, máis espazo... pero sobre todo a posibilidade de estudar en compañía, que axuda a levalo mellor”. 

Deixalo todo para o último intre ou estudar cada día

Certo é que cada persoa sabe a mellor forma de organizarse e sacar partido ás súas horas de estudo. Malia que as bibliotecas están abertas todo o ano, hai xente que non as visita ata o último intre, polo que agradece os horarios ampliados xa que “para estudar son beneficiosos e prácticos, sobre todo para as persoas que o deixamos todo para o final, axudan a establecer un ritmo”, afirma Clara Avendaño.  

No outro lado da balanza está o seu amigo Adrián Bello, que afirma levalo todo máis ao día, “facendo apuntes e exercizos durante todo o curso, pero sobre todo nas datas de Nadal, e coas xuntanzas na casa, hai que buscar un sitio tranquilo para poder concentrarse”. Outro exemplo é Aitor Correa, de Enxeñería Eléctrica, que recorre as diferentes salas de estudo do campus “durante todo o curso porque na casa non me concentro” e lle dedica “catro horas diarias como mínimo”.

Descenso no número de usuarios

Nas semanas previas aos exames, as salas de estudo adoitan encherse por completo. Este ano a situación é diferente. Paz Canduela, tras analizar os resultados das medicións da afluencia realizadas catro veces ao día durante as fins de semana e durante o horario nocturno sinala que “está a ser un pouco frouxo como consecuencia da apertura dunha sala de estudo con 400 postos no Auditorio Mar de Vigo, no centro da cidade, fai un ano; nós temos 350 prazas e unha localización que se ve afectada polos horarios do transporte público nas fins de semana. Todo inflúe”. Con todo, dende a Biblioteca Central o persoal describe o  horario de Nadal como “beneficioso para o alumnado” posto que “este servizo ten unha demanda dabondo, estamos medianamente cheos”. Aínda así, dende o alumnado demandan ampliar o número de fins de semana nos que a institución abre en decembro para facilitar a preparación dos exames.