DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar do 26 ao 28 de marzo no Pazo da Cultura no marco do Salón do Libro

O humor centrará a terceira edición do Congreso de Mediación Lectora

Coa participación, entre outros, de Jordi Sierra, Gloria Sánchez, Kiko Da Silva ou Ledicia Costas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 11/02/2020

A concelleira de Cultura Carme Fouces e o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, presentaron esta mañá o III Congreso de Mediación Lectora do Salón do Libro da man da súa coordinadora e docente da UVigo, Eulalia Agrelo. Esta terceira edición do simposio terá o humor como eixe central dos seus contidos e contará con relatorio da talla de Jordi Sierra i Fabra, Ana Garralón, Esther Carrodeguas, o Hematocrítico, Gloria Sánchez, Kiko Da Silva, Ledicia Costas ou Roger Olmos.

Carmen Fouces apuntou a necesidade da formación lectora para docentes, libreiros, ou monitores de tempo libre que “son unha ponte entre o consumidor final – o neno/a – e quen pon no mercado o produto: as editoriais”. Referiuse tamén á presencia de Jordi Sierra que “logo de varios intentos nos que non puido ser por diferentes circunstancias, este ano por fin conseguimos contar con el, que falará na súa mesa con dous escritores novos: Nee Barros do IES Frei Martín Sarmiento e Clara Castro do IES Torrente Ballester. 

Manuel Morquecho achegou a súa experiencia persoal dentro da primeira edición do congreso no que tivo oportunidade de coincidir con varios membros da delegación mexicana e destacou sobre todo a “formación eminentemente práctica do mesmo, con obradoiros de literatura en si pero tamén de teatro, novas tecnoloxías, etc.” e apuntou á necesidade da figura dos mediadores para cultivar nos nenos/as o amor polos libros. 

A coordinadora do congreso, Eulalia Agrelo, docente na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, quixo agradecer o compromiso do Concello e tamén da Universidade polos “medios e o amparo para posibilitar o congreso, que nesta ocasión xirará arredor do humor como distensión e relax pero tamén como ferramenta para ofrecer unha mirada crítica da sociedade, que nos permite rexenerarnos”, sinalou antes de apuntar á necesidade dunha infancia de xogo e de ludismo. 

Un congreso en tres xornadas

Serán tres as xornadas – as tardes do xoves 26 e venres 27 e a mañá do sábado 28 – nas que ademais dos “contidos e saberes, fomentarase a experimentación propia dentro dos obradoiros posteriores ás mesas, xa que a estrutura será similar a de anos anteriores”. O teatro, a ilustración e a propia mediación centrarán as charlas que contarán con profesionais do peso de Jordi Sierra, Gloria Sánchez, Kiko Da Silva, Marc Taeger, Roger Olmos, Ledicia Costas e o Hematocrítico, etc. 

Logo de debullar o programa, Eulalia Agrelo apuntou á intención de que os asistentes leven “nas súas mochilas experiencias e ideas que desenvolver no seu traballo e na súa vida. Que como mediadores deben transmitir valores, reflexións, etc. e ter criterio de selección de busca, atender as necesidades do consumidor nun momento determinante e transmitir cuestións como a calidade e valor estético das ilustracións e de como se retroalimentan escrita e imaxe. Non quedarse nunha lectura superficial.” 

Novamente ofertaranse sobre 125-150 prazas e pese a que a demanda sempre supera o número de vacantes, dende a organización apuntan que “este número non pode sobrepasarse xa que aínda que o auditorio ten maior capacidade, buscamos que os obradoiros posteriores teñan un aforo reducido para conseguir os obxectivos cos asistentes” e sinalou tamén que a maiores dos inscritos, a xornada do 27 contará con grupo de máis de 90 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense que asistirán ás charlas e testarán a súa aprendizaxe con alumnado real composto por cativada de centros de educación infantil asistentes ao salón. 

As inscricións, de balde poderán realizarse a partir do 1 de marzo na web do Salón do Libro.