DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar os días 18 e 19 de setembro ao abeiro da feira Termatalia

O III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida reunirá a arredor de 200 persoas

Durante a súa celebración presentaranse 50 comunicacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 13/09/2019

Dous días de celebración, arredor de 200 relatores e asistentes de procedencia tanto estatal como foránea e preto de 50 comunicacións. Con estas cifras preséntase o III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, iniciativa bianual que forma parte do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A cita terá lugar os días 18 e 19 de setembro de forma paralela e complementaria á feira Termatalia, que se celebra do 19 ao 20 de setembro en Expourense.

O simposio conta coa organización xunto á Vicerreitoría do Campus de Ourense do Concello e a Deputación de Ourense e de Expourense. Na súa presentación este venres, Ana Torrado, presidenta do comité organizador do simposio e directora do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga, salientou como “coa terceira edición deste simposio consideramos que xa se está consolidando como un evento referente ao que acoden investigadores de forma periódica, habendo participantes que veñen desde a primeira edición”. O “éxito e a permanencia” desta actividade, engadiu, “teñen moito que ver coa iniciativa e colaboración de todas as institucións que co-organizamos este evento”.

Pola súa banda, Flora Moure, concelleira de Termalismo de Ourense, indicou como este simposio “constitúe unha oportunidade para avanzar na estratexia de colaboración das institucións públicas da provincia en materia de termalismo” e salientou a importancia de “consolidar un evento científico de gran relevancia que permita aumentar o potencial do desenvolvemento do proxecto de especialización do Campus da Auga pero tamén o desenvolvemento xeotérmico da provincia y da cidade de Ourense”. Na súa intervención Ana María Villarino, deputada de Termalismo, subliñou como “Ourense vai ser o epicentro do termalismo a próxima semana” debido á celebración deste simposio, da feira Termatalia e do congreso Termalismo 2021-2027. Sobre o simposio Cristina Álvarez, directora de área de Administración de Expourense, indicou que “cumpre o papel de convocar á comunidade científica e investigadora en Termatalia”, á que, detallou, reforza na súa base científica “aportándolle ademais unha perspectiva innovadora”.

Catro áreas temáticas

Segundo explicou Ana Torrado durante a presentación, o simposio constitúe “un evento científico que ten como obxectivo reunir a investigadores expertos de diversas procedencia e multidisciplinares coa finalidade de pór en común e profundar no coñecemento das propiedades e de todo o valor que representan as augas mineromedicionais e termais desde diferentes puntos de vista”. A cita está organizada ao redor de catro áreas temáticas. A primeira delas é a de caracterización e aproveitamento de augas mineromedicinais e termais, abranguendo desde a análise e control de calidade das augas termais ata o seu marco xurídico e administrativo. A segunda é a de benestar e saúde, achegándose a temas como os resultados terapéuticos das augas mineromedicinais. O turismo termal é outro dos eixos elixidos, afondando en temas como a súa planificación e a xestión de centros termais. Por último, a investigación e a innovación tecnolóxica en termalismo é outra das áreas que se abordarán nesta cita, achegándose a cuestións como a aplicación das TIC ou os novos materiais. Ademais das sesións de comunicacións e conferencias plenarias arredor destes catro eixes, o simposio contará con actividades como un curso práctico sobre a aplicación das tecnoloxías de información e comunicación para o desenvolvemento de produtos turísticos.

Con este programa a iniciativa, indican os seus promotores, quere avanzar nos seus obxectivos de ser un foro de encontro de profesionais e persoal investigador estatal e internacional interesado na temática da auga e en especial do termalismo que permita establecer sinerxías entre o mundo académico científico e o sector da empresa. Facilitar a actualización e estimular o coñecemento neste eido; fortalecer os contactos entre institucións e equipos de investigación interesados e pór en valor o potencial científico, económico, patrimonial e turístico da cidade e a provincia de Ourense como referente internacional en materia de termalismo son outros dos retos desta acción.

Polémica sobre as augas termais

A preguntas das xornalistas presentes na presentación, a concelleira de Termalismo de Ourense tamén se referiu á polémica sobre a calidade das augas termais de Ourense suscitada por declaracións de Rafael Villarino, portavoz municipal do PSdeG-PSOE. Flora Moure leu as conclusións do último informe do Laboratorio de Microbioloxía da Universidade de Vigo, encargado de realizar os informes mensuais das augas termais dos espazos termais da cidade. Nelas indícase que á vista dos resultados microbiolóxicos obtidos a partir das mostras de auga mineromedicinal recollidas “considérase que as augas minero-medicinais dos espazos termais compren cos requisitos establecidos pola lexislación vixente relativa ás augas de baño. O seu uso seguindo estritamente as normas establecidas non supón un perigo para a saúde dos usuarios”, dixo a concelleira.