DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expourense acolle a celebración do 'III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida'

Un intenso programa para dar pulo científico ao termalismo

A cita conta con arredor de 200 relatores e asistentes e 50 comunicacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/09/2019

Expourense acolle desde este mércores a celebración do III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, iniciativa bianual que forma parte do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e que ten como obxectivo fomentar o coñecemento científico arredor do termalismo. A cita, que ten lugar de forma paralela e complementaria á feira Termatalia, conta coa participación de arredor de 200 relatores e asistentes de procedencia tanto estatal como foránea e preto de 50 comunicacións.

O simposio conta coa organización xunto á Vicerreitoría do Campus de Ourense do Concello e a Deputación de Ourense e de Expourense. Inaugurado este mércores por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, a actividade nel continuou este xoves cun intenso programa de comunicacións. “Esta actividade é unha forma de visibilizar un dos puntais do campus de Ourense, o Campus da Auga. Na súa terceira edición é un éxito de convocatoria e agardamos que sexan moitas máis as edicións que celebremos no futuro”, dixo Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, na súa visita este xoves ao simposio. Pola súa banda, Ana Torrado, presidenta do comité organizador do evento e directora do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga, recalcou como “estamos moi contentos pola asistencia, pola calidade das intervencións e pola participación activa da xente que asiste”. Ana Torrado recalcou ademais o frutífero que resulta nesta iniciativa “a mestura entre disciplinas e xente de diferentes lugares e sectores”.

Visións diversas

Sobre o desenvolvemento do programa que remata este xoves, Ana Torrado salientou a súa diversidade, sinalando como “empezamos tratando as características das augas de diferentes zonas e a situación destes recursos e das instalacións termais e continuamos falando de como o termalismo podería contribuír ao desenvolvemento das zonas rurais”. Concretamente, ao longo das intervencións, o público asistente puido achegarse a temas moi diversos estruturados arredor de catro áreas temáticas, como son a caracterización e aproveitamento de augas mineromedicinais e termais; o benestar e saúde; o turismo termal e a investigación e a innovación tecnolóxica en termalismo. Ademais das sesións de comunicacións e conferencias plenarias arredor destes catro eixes, o simposio contou con actividades como un curso práctico sobre a aplicación das tecnoloxías de información e comunicación para o desenvolvemento de produtos turísticos.

Entre as comunicación presentadas este xoves estivo a de Marta Martínez, que presentou un traballo sobre a situación actual do mercado dos cosméticos termais a nivel europeo elaborado entre investigadores e investigadoras das universidades Internacional de Valencia e Vigo. Nela apuntou como ademais dos grupos de referencia internacional neste tipo de costméticos “existen moitísimos balnearios que están usando a cosmética como unha liña de apoio ás súas actividades e sobre todo para diferenciarse dos seus competidores”. Así, recalcou como se trata "dun nicho económico con moitas perspectivas de medrar e de dar unha saída a moitos dos balnearios que hoxe funcionan como pequenas e medianas empresas”. Outro dos traballos escoitados este xoves centrouse na potencialidade turística que ten o xacemento Aquis Querquennis de Bande e a súa posible repercusión social e económica na zona, asinado José Antonio Fraiz, Diego R. Toubes e Noelia Araújo. “Nós traballamos o eido turístico pero incorporamos achegas doutras áreas de coñecemento, como a historia, para coñecer os recursos, e as ciencias, xa que se trata dunha zona que se inunda periodicamente”, apuntou José Antonio Fraiz.