DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado pola profesora de Ciencias da Educación María D. Dapía

A intervención con persoas con alzhéimer, un nicho laboral para educadoras e educadores sociais

O proxecto foi financiado cunha bolsa da Fundación Dorzán

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 20/12/2019

“A intervención con persoas con alzhéimer estase a converter nun nicho laboral para as e os educadores sociais”. Esta é unha das principais conclusións do estudo Intervención socioeducativa desde a educación social en persoas maiores con alzhéimer, realizado por María D. Dapía, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. O traballo foi financiado coa bolsa que a Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade, convoca anualmente coa colaboración da Universidade de Vigo co obxectivo de fomentar a investigación sobre o colectivo de maiores.

Segundo explica María D. Dapía, “o envellecemento demográfico é unha das conquistas modernas non exenta dunha maior presenza de patoloxías específicas, como a enfermidade de alzhéimer”. As persoas con demencia tipo alzhéimer, detalla, están a incrementarse nos últimos anos, “situándonos nunha realidade con consecuencias evidentes nas distintas esferas da vida persoal, familiar e social ou comunitaria”. Neste contexto, indica a profesora, o obxectivo da súa investigación foi aproximarse á realidade da intervención socioeducativa que realizan as e os profesionais da educación social dirixida á atención de persoas maiores afectadas pola enfermidade de alzhéimer ou outro trastorno neurocognitivo maior, abranguendo tamén familiares e comunidade. As conclusións, adianta, apuntan a que a educación social “está chamada a desempeñar un rol importante” na atención de persoas maiores con alzhéimer, configurándose no futuro “como unha área de intervención importante para as e os profesionais da educación social”.

Estudo cualitativo

Para dar resposta a este obxectivo, comenta María D. Dapía, desenvolveu unha investigación de corte cualitativo a partir da resposta dada por 22 profesionais a unha entrevista estruturada. Os resultados, explica, “apuntan a que as e os educadores sociais están a traballar con este colectivo, tanto en asociacións específicas, centros de atención diúrna e residencias”. A súa intervención, detalla a profesora, é ampla e variada e diríxese tanto a enfermos con alzhéimer, familiares dos mesmos, outros profesionais e comunidade. Entre as dificultades que perciben na súa práctica profesional, engade a experta, “refiren o ter que traballar con grupos amplos e heteroxéneos ou a insuficiencia de recursos, incluídos os humanos”.

O estudo, detalla María D. Dapía, “pon en evidencia a escaseza de equipamentos específicos para persoas con demencias e para os seus familiares”. Así, comenta a profesora, no estudo “vimos como soamente hai centros de atención diúrna, non existindo no contexto galego centros residenciais". Ademais, engade, a atención ao coidador familiar é dada polas asociacións de familiares de persoas con alzhéimer, “que se constitúen como un recurso extraordinario para unha atención integral dos coidadores”. “O contexto actual sitúanos nun modelo no que a administración, que debera ser a peza crave de protección fronte ao alzhéimer, responde coa privatización e son as entidades sociais ou privadas as que dan resposta ás necesidades que afectan a familiares e enfermos de alzhéimer, ben desde unha filosofía económica ou máis de axuda e colaboración”, recolle a investigadora no seu estudo.

Mellor formación

Lembrando como a atención a este colectivo esixe “unha resposta especifica multi e interdisciplinar, complementando e simultaneando a área social e de saúde”, Dapía sinala como “as e os educadores sociais parecen ser unha peza crave na atención a este colectivo, presentando unha intervención ampla e variada, tanto dirixida aos afectados de alzhéimer, ás familias, a outros profesionais ou á propia comunidade en xeral”. No entanto, engade, “a súa capacitación profesional neste ámbito non só emanou do estudo da titulación universitaria de educación social, senón que tivo que ser completada por outras vías (mestrados, cursos, apoio doutros profesionais) ao ter conciencia de que a formación recibida na carreira non fora suficiente”. Esta capacitación profesional, recolle no informe, podería verse mellorada desde dúas vías. Por un lado, ampliando coñecementos específicos sobre a intervención con este colectivo no Grao de Educación Social e por outro “propondo alternativas institucionais, desde a universidade ou en colaboración con outras institucións, que dean resposta ás necesidades manifestadas por estas profesionais”.

Neste contexto, María D. Dapía destaca a importancia de que a universidade, a administración e outras entidades sociais dean “unha resposta ás necesidades formativas requiridas polas e polos educadores sociais para a mellora da súa práctica profesional, para alcanzar un perfil formativo adecuado que lles permita traballar con enfermos de alzhéimer sen infantilizar e buscando a máxima conservación das súas capacidades e da súa autonomía”. Así, a investigadora amosou o seu desexo de que este traballo “sirva para reclamar unha maior implicación das distintas administracións, esixíndolles unha maior conciencia respecto dos enfermos e familiares de alzhéimer, así como a creación dun maior número de centros específicos orientados á súa atención e coidado”.