DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un tema de gran actualidade ante a multiplicación de perfís de traballadores “moi vulnerables”

Jaime Cabeza publica un libro no que establece os límites entre o que é traballo subordinado e autónomo

A obra, publicada por Bomarzo, achega a postura do Tribunal de Xustiza da Unión Europea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 01/06/2020

O catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza acaba de sacar ao mercado un novo libro, unha obra dirixida basicamente á comunidade académica, pero tamén de moita utilidade para todos aqueles profesionais en activo que teñan que defender a persoas que son traballadoras subordinadas, pero ás que as empresas lle discuten esta condición e as tratan como autónomas, o que supón, entre outros aspectos, ter a condición de empresa e estar suxeito ao Dereito da Competencia. Falamos da obra El ámbito del trabajo subordinado y del trabajo autónomo en el Derecho de la Unión Europea, editada por Bomarzo, e na que Cabeza achega aos lectores a visión que ten sobre estas cuestións o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, institución que leva tempo xa construíndo conceptos propios, non dependentes dos sistemas xurídicos dos Estados membros, de que é un traballador subordinado e que é un traballador autónomo.

“É un tema moi actual, derivado da multiplicación de perfís de traballadores autónomos moi vulnerables no campo da nova economía”, explica o catedrático vigués, quen pon como exemplo un auto do 22 de abril deste mesmo ano no que o Tribunal considera autónomos aos ‘riders’ ou repartidores dunha plataforma dixital. “O noso grupo de investigación ten un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación relativo aos Dereitos fundamentais ante o cambio do traballo autónomo na era dixital e, neste contexto, un estudo de deslinde entre os conceptos de traballador e de autónomo é unha cuestión básica”.

A xuízo do seu autor, o libro achega unha visión moi descoñecida do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, na que, en xeral, hai un entendemento expansivo de que é un traballador subordinado. “É unha crítica bastante ponderada desta xurisprudencia e propón, desde unha combinación do Dereito do Traballo e do Dereito da Competencia, deslindes bastante máis afinados entre subordinación e autonomía dos que está a achegar a xurisprudencia interna”, salienta Cabeza.

Un debate reavivado pola globalización e a nova economía

O debate sobre a liña divisoria entre o traballo autónomo e o subordinado reavivouse nos últimos anos a causa da tripla desencadeante da globalización, os cambiantes paradigmas produtivos e a nova economía. Por este motivo, o autor do libro considerou pertinente realizar unha análise que ten como característica fundamental que se aborda desde dous polos: a perspectiva das políticas sociais e as regras do Dereito da Competencia.

A través das 133 páxinas das que se compón o libro ponse de relevo unha apreciable conexión entre ditas políticas da UE, que non funcionan como compartimentos estancos. Constátase que ten habido certos trasvases de conceptos en ambas direccións: desde as sentenzas que resolvían asuntos relativos á normativa anti-trust cara ás referidas ás materiais sociais sobre as que a UE asumiu competencias e, viceversa. “A coherencia non sempre foi total, pero si o suficiente como para que poidan formularse algunhas conclusións máis ou menos certas”, aclara Cabeza.

Tal e como se relata na introdución da obra, a partir da xurisprudencia elaborada sobre a libre circulación de traballadores xerminou un concepto autónomo de traballador, propio da Unión Europea e que se sobrepon aos que existen nos sistemas xurídicos dos Estados membros. Ese concepto, con algúns avances e retrocesos, estendeuse a outros ámbitos das políticas sociais, aínda que con certas matizacións, que haberá que formular, en particular en canto á transmisión de empresas e ás garantías dos traballadores en caso de insolvencia do empresario.

Ademais, segundo se recolle no libro, a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza foi bastante integradora para abarcar as prestacións de servizos desenvoltos polos niveis superiores de dirección e administración das sociedades. “Incluso algunhas das sentenzas que se analizan formulan grandes cuestións de compatibilidade do dereito interno co da Unión Europea”. Agora ben, desde o punto de vista do autor da obra, ata que límite debe prevalecer esa consideración como traballadoras subordinadas das persoas que exercen funcións de goberno nas sociedades mercantís resulta discutible e, así se discute en particular desde a óptica das regras relativas á competencia xudicial no marco da UE e do Espazo Económico Europeo.