DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ten un orzamento de 1,1 millóns de euros dentro da convocatoria Poctep

O laboratorio BlueBioLab situará á eurorrexión na vangarda da biotecnoloxía mariña

Nace como unha posta en común das infraestruturas existentes en Galicia e o norte de Portugal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/02/2020

Hai un ano botaba a andar o proxecto BlueBioLab, liderado polo Campus do Mar, cuxa principal finalidade era a creación dun Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña. Este obxectivo está xa cumprido e hoxe martes presentouse en sociedade o laboratorio, que nace como unha posta en común das infraestruturas existentes en Galicia e o norte de Portugal. 

O edificio Miralles acolleu o acto de presentación, no que se amosaron as capacidades do laboratorio da man dos representantes das institucións que forman parte do consorcio. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, foron os encargados de presentar en sociedade esta proposta que trata de dotar á eurorrexión dunha rede de excelencia no eido da biotecnoloxía mariña. O proxecto, que forma parte do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 cun orzamento de 1.122.152,79€, financiados ao 75% con fondos Feder, ten como liñas de investigación prioritarias a acuicultura e a biotecnoloxía, o desenvolvemento de novos compostos bioactivos e biomateriais de orixe mariño e a utilización de tecnoloxías ómicas para a comprensión da biodiversidade mariña.

Na vangarda da investigación mariña

Como explicaba o reitor no acto de presentación, BlueBioLab é un laboratorio en rede que incorpora os recursos humanos e materiais de institucións de ambos lados da raia ( Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental; Instituto Español de Oceanografía; Universidade de Minho; Consejo Superior de Investigaciones Científicas; Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela) coordinados pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar. “O que pretendemos con esta iniciativa”, puntualizaba Reigosa, “é potenciar a investigación e a innovación aproveitando as capacidades e infraestruturas que xa temos a un lado e outro da fronteira, porque todos xuntos temos moita máis forza da que temos por separado”. Engadiu o reitor que a cooperación entre ambos lados da raia é para a Universidade de Vigo unha “liña estratéxica”, unha cooperación tamén “moi beneficiosa para a sociedade”.

O vicepresidente da Xunta de Galicia puxo en valor a ampla experiencia das entidades de Galicia e o norte de Portugal en proxectos transfronteirizos , “80 neste período económico da UE que está a piques de rematar e que supuxeron uns 130 millóns de euros mobilizados”. Remarcou que a consecución destes proxectos transnacionais débese a que “hai moi boas universidades a ambos lados da fronteira e moi bos laboratorios, así como empresas relacionadas co I+D que se involucran tamén nos proxectos que non entenden de fronteiras”. Neste sentido, lembrou que actualmente se está no tramo final da negociación do novo período económico da UE que arrancará en 2021. “Ábrense nese contexto novas oportunidades de financiamento e nós temos ferramentas moi potentes para aproveitalo, e o feito de estar en fronteira supón unha vantaxe engadida”, remarcaba Rueda, advertindo non obstante, que nesta nova etapa se priorizarán proxectos como BlueBioLab “e non tanto os que apostan polas infraestruturas e o ladrillo”. 

“A colaboración, moito mellor que a competencia”

O traballo do laboratorio centrarase na investigación mariña, un campo no que como lembrada o reitor, Galicia e Portugal están a ser moi fortes a través do Campus do Mar. Dende o seu punto de vista, isto demostra que “a colaboración é moito mellor que a competencia e, dende logo, moito mellor que a confrontación”. Así, como indicaba o propio director do Campus do Mar, Daniel Rey, a idea é “desenvolver a biotecnoloxía no eido transnacional, xerando estruturas que permitan a cooperación e establecendo sinerxías que nos poidan poñer nunha posición vantaxosa para abordar os próximos desenvolvementos de carácter biotecnolóxico”.

Deste xeito, o laboratorio ten cinco obxectivos prioritarios, que pasan por apoiar a consolidación da biotecnoloxía como ferramenta fundamental para o estudo e valorización dos recursos biolóxicos mariños; facer unha posta en común das infraestruturas existentes integradas no laboratorio; desenvolver actuacións de apoio ao talento e fomento da mobilidade e formación do persoal investigador; crear de redes de coñecemento e traballo conxunto con actores do sistema científico e internacionalizar e integrar as infraestruturas científicas en redes Internacionais.

Nestes primeiros meses de traballo ata consolidar a creación do laboratorio, como recorda a xestora do proxecto Tania Tato, traballouse no deseño das estruturas de gobernanza, a elaboración dun catálogo de usos e recursos do laboratorio e, finalmente, o fortalecemento das capacidades mediante a incorporación de novos investigadores e adquisición de novos equipamentos. Así, BlueBioLab contará cun comité dirección, que encabezará o IP do proxecto, José Manuel García, e un comité técnico, que coordinará Tania Tato, e tamén se recorrerá a un comité de asesoramento científico externo.