DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun artigo publicado na revista International Journal of Molecular Sciences

O Laboratorio de Neurociencia achega novos datos sobre como se produce o control da temperatura corporal

Os seus informes apoian a implicación das denominadas canles TREK na termorrecepción

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/11/2019

O control da temperatura corporal é unha función vital na maioría dos animais, incluídos os mamíferos, pero este proceso non só é importante dende un punto de vista fisiolóxico, senón que diversas reaccións bioquímicas que acontecen no organismo son dependentes da temperatura, afectando a cuestións como a velocidade das mesmas ou á conformación das estruturas resultantes. Conscientes desta realidade, desde o Laboratorio de Neurociencia levan máis de dez anos investigando sobre estas cuestións e parte do froito deste traballo acaba de ser publicado na revista científica International Journal of Molecular Sciences nun artigo no que recompilan a información máis actualizada sobre este tema e no que achegan novos datos sobre a implicación das denominadas canles TREK na termorrecepción.

Asinado por José Antonio Lamas, director do laboratorio, e os investigadores Lola Rueda e Salvador Herrera, o artigo explica como a termorregulación implica tanto estruturas do sistema nervioso central (hipotálamo) coma estruturas do sistema nervioso periférico, do que forman parte os termorreceptores, que se aloxan maioritariamente baixo a pel. Por outra banda, no sistema nervioso autónomo, que se encarga do control visceral, tamén se demostrou claramente a presenza de receptores sensibles á temperatura. 

Un mecanismo complexo

Nos mamíferos, incluídos os humanos, o mecanismo molecular mediante o cal se percibe a temperatura, tanto do ambiente exterior como do propio corpo, asumiuse xa por parte da comunidade científica como algo complexo. Neste senso, desde o laboratorio vigués explican que clasicamente asócianse coa termorrecepción unhas canles iónicas catiónicas chamadas TRP, do inglés Transient Reception Potential. “No obstante, cada vez achéganse maior cantidade de evidencias de que outro tipo de canles están implicadas na termorrecepción, son as chamadas canles de potasio de dobre dominio de poro (TREK)”, explica Lamas, ao que engade que desde o Laboratorio de Neurociencia da Universidade de Vigo levan anos estudando as canles TREK en diversos tecidos como son o ganglio nodoso e o ganglio cervical superior, e só dende moi recentemente noutros tecidos como o corazón.

“Nesta revisión recompilamos a información máis actualizada en relación as canles TRP coma integrantes do mecanismo de termorrecepción; pero ademais, e de forma novidosa, achegamos os datos máis actuais que apoian a implicación das canles TREK na termorrecepción, propoñendo un mecanismo integral no que as TREK actuarían coma regulador á baixa da termorrecepción en rangos intermedios de temperatura ( 15 a 40 oC), modulando o papel das canles TRP”, recalca Herrera.

Segundo recalcan os autores do estudo, “pois así o demostramos xa en traballos previos”, a activación das canles TREK produce unha redución da excitabilidade das neuronas, o que se considera como un mecanismo de neuroprotección, xa que si as células se volven demasiado excitables prodúcese un mal funcionamento do sistema. “Esta hiper-excitabilidade podería incluso causar  a morte celular por acumulación de calcio intracelular”, explica o investigador, ao que engade que fisioloxicamente a activación de TREK contribúe a que o sistema nervioso central poida descartar estimulación que resultaría irrelevante, “por exemplo, a sensación do cambio de 1º ou 2ºC”.

Diana farmacolóxica para o control da sensación da temperatura

Desde o punto de vista médico, as canles TREK poderían constituír unha diana farmacolóxica para o control da sensación da temperatura, tanto na súa activación como na súa inhibición, diminuíndo ou aumentando as sensacións térmicas respectivamente. Nesta liña, os autores do artigo poñen como exemplo a febre inducida por un piróxeno –calquera axente produtor de febre- bacteriano.  “Tras a infección prodúcese unha redución en cadea que desemboca na activación de certas neuronas termorreguladoras aloxadas no hipotálamo”, apunta Herrera, ao que engade que a comunidade científica demostrou xa como certas canles TRP aí localizadas están relacionadas co aumento deste tipo de febre. “Como tamén sabemos que as canles TREK están amplamente representadas no hipotálamo, a súa activación vía farmacolóxica podería ter un efecto antipirético, xa que actuarían reducindo a excitabilidade das neuronas termorreguladoras e, estas, á súa vez, non activarían os mecanismos fisiolóxicos de conservación e produción de calor”, recalca o investigador.