DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Manuel Sendón é coautor dunha publicación sobre este fotógrafo de Muros

Un libro para sumar a obra de Juan Málvarez á memoria visual de Galicia 

O volume reúne máis dun cento de imaxes da primeira metade do século XX

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/05/2019

Nacido en Muros en 1889, Juan Malvárez Dubert compaxinou ao longo da súa vida profesional os traballos de ebanista e fotógrafo, labor esta última que, ademais de a rexentar un estudio nesta vila, levouno publicar as súas imaxes en revistas como Vida Gallega, Mundo Gráfico ou no xornal El Pueblo Gallego. Non obstante, as súas fotografías non formaron parte das exposicións de fotografía histórica que se levaron a cabo en Galicia nas últimas décadas, como explica o profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Sendón, coautor xunto a Xosé Luis Suárez Canal do libro que aborda a traxectoria e a produción dun fotógrafo “absolutamente descoñecido” e reúne máis dun cento de fotografías que, explica, “son memoria visual da comarca de Muros”.

Editado polo Concello de Muros, o libro que Sendón e Suárez Canal, directores do Centro de Estudos Fotográficos, presentaron na tarde deste martes nesta localidade, reúne un total de 107 fotografías realizadas entre 1910 e 1955. “Era un estudo necesario”, recoñece Sendón da que é a primeira publicación que propón “unha análise das fotografías de Malvárez e do que representan”, na que se combinan tanto os retratos, como imaxes de exteriores ou relativas a acontecementos que tiveron lugar nesa comarca. 

Fotografía popular, familias acomodadas, Castelao e o tifo 

“A maioría das placas realizadas por Malvárez perdéronse, a familia conservou fundamentalmente as de retratos de familiares e amigos,  xunto con outra serie de placas de fotografías de exteriores”, relata Sendón do arquivo que constituíu o punto de partida do traballo de busca de imaxes que levaron a cabo para esta publicación, que lles levou tamén a obter imaxes de Malvárez en diferentes coleccións particulares. Esta busca permitiulles así mesmo constatar a diferencia entre os retratos realizados a familiares e amigos, “xente que formaba parte da clase máis acomodada da vila, que está máis familiarizada co fotógrafo” e que pousa diante da cámara dunha forma “distendida”, fronte as fotografías “de xente de clases populares”, caracterizadas polo “hieratismo, a rixidez e a mirada directa e seria á cámara”, que constitúe, explica, unha estética propia da “fotografía popular” daquelas épocas.

Ademais do retrato, que constituía o eixo central  do seu traballo, Malvárez realizou así mesmo “outro tipo de traballo máis documental”, reflectido no libro por fotografías que abordan a epidemia de tifo que se viviu en lira en 1918, a entrada en funcionamento da central hidroeléctrica do Tambre ou o “multitudinario mitin” que Castelao protagonizou en Lira en 1933. Do mesmo xeito, na selección realizada por Sendón e Suárez Canal para este libro recóllense tamén “algunhas vistas de Muros” ou imaxes de embarcacións como os pailebotes e as xeiteiras, de festividades relixiosas e acontecementos sociais que permiten “achegarnos a como era a vida en décadas pasadas”, explican os autores do libro, para o que contaron coa colaboración de Josefina Novo Málvarez, neta do fotógrafo.