DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes foi presentado o seu achado e a intervención que se realizará nel

Localizado en Verín o castelo medieval de Cabreira

Forma parte da rede de fortalezas do val de Monterrei

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 05/11/2019

Na zona do Pozo do Demo, emprazado nunha “impoñente paisaxe de rochedos descarnados de granito” e “controlando a vista de todo o val de Monterrei case ata o val de Laza” foi localizado o castelo medieval de Cabreira, en Verín. O achado presentouse este martes por membros da Universidade de Vigo e do Concello de Verín, anunciándose a realización o vindeiro ano dunha intervención arqueolóxica neste enclave, que formaría parte da rede de fortalezas do val de Monterrei.

Na súa presentación participaron Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense; Gerardo Seoane, alcalde de Verín; Beatriz Comendador, coordinadora e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo; Víctor Rodríguez, arqueólogo e membro da Área de Historia Medieval da Universidade de Vigo; Nieves Amado, arqueóloga; Andrés Diz, estudante do Grao en Xeografía e Historia, e Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín.

A identificación

Na historiografía da comarca de Monterrei, indican as e os arqueólogos do proxecto, o castelo de Cabreira ou Capraria conta con moi poucas citacións, sendo “un gran descoñecido” para a poboación da bisbarra. Algúns investigadores, indican, nomearon esta fortaleza apuntando, pola toponimia, a súa localización física na parroquia de Cabreiroá, sen lugar concreto, mentres que outros a identificaron directamente coa acrópole de Monterrei. Neste contexto, comentan as e os investigadores da Universidade, “o gran movemento asociativo e cultural da comarca nos últimos anos e a curiosidade de coñecemento da mesma, incitou a varias persoas da mesma á busca dos restos do descoñecido castelo da Cabreira”. Así, detallan, foi como os veciños da comarca Andrés Diz, estudante da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Nieves Amado, arqueóloga, se implicaron activamente na busca do castelo e despois de moitas visitas a lugares diferentes durante varios anos “concluíron que as evidencias materiais do castro das Quintas coincidían coas dunha fortificación medieval que non podía ser outra máis que o castelo de Cabreira”. No ano 2019, engaden, durante as prospeccións levadas a cabo no marco proxecto do castelo de Lobarzán, desenvolvido por un equipo da Universidade de Vigo, o arqueólogo Víctor Rodríguez Muñiz, acompañado por Diz e Amado, tamén confirmou a localización do castelo de Cabreira no Pozo do Demo.

Ademais, comentan as e os arqueólogos, dous datos documentais máis axudan a confirmar a súa localización. Así, detallan, no dicionario Madoz dise, falando do regato das Quintas “del mencionado Monte Mayor se desprende un arroyo, que si bien es escaso de aguas en el estío, forma una vistosa catarata en tiempo de lluvias, cerca del paraje titulado Cabreira”. Tamén, engaden, “o topónimo Cabreira aparece no monte comunal de Cabreiroá, que se chama Monte Comunal de Monte Maior e Cabreira".

Primeira descrición

Segundo detallan as e os arqueólogos, as evidencias materiais do castelo son moi escasas, sendo visibles unicamente “encastres” dos seus muros. A fortaleza tería, engaden, “defensas naturais polos catro puntos cardinais, sendo máis feble polo sur, mentres que polo norte e leste o formidable e profundo canón do regato das Quintas resulta inexpugnable, así como polo oeste, coa vertente de altísimas escarpas, controlando a vista de todo o val de Monterrei case ata o val de Laza”. O castelo controlaría o territorio ao norte, leste e oeste, mentres que ao sur estaría tapado e resgardado polo Monte Maior, tal e como explican as e os investigadores. “Pode dicirse que está onde tiña que estar, xa que as terras ao sur do castelo de Cabreira estaban inseridas na terra da Lobarzana, e por tanto capitaneadas polo veciño castelo de Lobarzán”, indican.

Os dous castelos, Cabreira e Lobarzán, explican as e os arqueólogos, “son xémeos tanto no seu decorrer histórico como no seu emprazamento”. Naceron os dous, indican, na Alta Idade Media “como castelos rexios, o mesmo que a terra que dirixían”, pasando despois a mans de Monterrei tanto na súa etapa de poboado real como no vizcondado. No século XV foron derruídos nas loitas polo poder en Monterrei e deixaron de figurar na documentación. Ademais, indican, en ambos enclaves hai “importantes” restos arqueolóxicos que falan da ocupación en épocas anteriores, dende a época prehistórica, pasando pola época romana e medieval, e mesmo no contexto da Guerra da Independencia e a Guerra Civil.

Futuros traballos

Ademais de presentar o achado, o Concello de Verín anunciou este martes que o vindeiro ano realizarase no enclave una intervención arqueolóxica en colaboración coa Universidade de Vigo, baixo o amparo do actual convenio marco asinado entre as dúas institucións. O proxecto, adianta Beatriz Comendador, estaría enfocado a limpar e topografiar a zona para coñecer mellor o castelo e a realizar unha prospección da contorna referida non só á parte medieval senón ao conxunto da ocupación deste enclave, que se remonta desde a prehistoria ata a Guerra da Independencia e a Guerra Civil. A zona, recalca a profesora da Facultade de Historia, destaca non só polo seu valor patrimonial histórico senón tamén polo seu patrimonio paisaxístico e natural e por se un lugar de “referencia simbólica” para a veciñanza da contorna.