DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En recoñecemento ás achegas que fixo no eido do termalismo

Luis Rodríguez Míguez recibe a título póstumo a medalla de ouro da provincia de Ourense

O máximo galardón da Deputación foi entregado este xoves á súa viúva e filla

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Premios
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 13/06/2019

A Deputación de Ourense outorgou este xoves a medalla de ouro da provincia, a título póstumo, a Luis Rodríguez Míguez, doutor en Medicina e Cirurxía, profesor da Universidade de Vigo e un dos grandes especialistas en termalismo, falecido en 2016. No acto, celebrado no salón de plenos do Pazo Provincial, a súa viúva, Mariluz Villar, e a súa filla, Alejandra Juno Rodríguez, recibiron de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a máxima distinción que concede a institución provincial.

Durante o acto de entrega, ao que asistiu entre outras autoridades Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, Manuel Baltar salientou “as importantes achegas do doutor Míguez na investigación e promoción termal e sobre as augas mineiro medicinais e o seu uso clínico”. Segundo explican en nota de prensa desde o órgano provincial, o presidente da Deputación destacou no seu discurso que Rodríguez Míguez, “como pai do termalismo moderno, deulle estrutura e sapiencia ao elemento máis característico que nos viste de saúde: a nosa auga termal, deixándonos como agasallo a súa erudición feita practicidade, e esa pegada que só teñen os pioneiros, aqueles que cren no que fan e que o fan porque o cren”.

Alejandra Juno Rodríguez, filla do homenaxeado, agradeceu a distinción “pola unanimidade no seu outorgamento e porque recoñece o traballo do meu pai”, destacando que este recoñecemento “sela para sempre a relación do doutor Míguez con esta terra, porque el foi un ourensán por convicción e determinación. Esta medalla acredita os seus soños”. E en relación ao labor desenvolvido por Rodríguez Míguez no ámbito termal, a súa filla subliñou que el “recolleu unha tradición milenaria que se proxecta cara o futuro e que seguirá traendo riqueza á nosa provincia. Así o dicía meu pai, quen demostrou sempre un amor literal por esta terra e pola auga que nace dela”.

Servizo a Ourense

Desde que en decembro de 2016 o presidente da Deputación de Ourense, sinalan desde a entidade, asinou a providencia para incoar o expediente para o outorgamento desta distinción, numerosas persoas, asociacións e entidades adheríronse a esta iniciativa que tivo hoxe o seu acto solemne coa entrega da medalla de ouro á familia do doutor Rodríguez Míguez. A laudatio sobre a súa figura estivo este xoves a cargo presidente de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, e de Juan Gestal, profesor da Universidade de Santiago, mentres que a instrutora do expediente de concesión da medalla, Ana Villarino, deu lectura ao acordo plenario de concesión da distinción. Gestal cualificou a Rodríguez Míguez como “a persoa que máis fixo polo termalismo en Galicia nos últimos trinta anos, servindo a Ourense ben e con largueza”, e Santalices destacou “a inquietude pola realidade sanitaria da provincia de Ourense que demostrou un home de grandes valores, xusto e rigoroso, que amaba a Ourense. Así era o doutor Míguez”.

Luis Rodríguez Míguez, médico, profesor universitario e escritor, naceu en Santiago de Compostela en 1932 e faleceu en Ourense en febreiro de 2016, logo dunha prolífica traxectoria profesional nos ámbitos da saúde e do termalismo. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, foi membro do Consello Termal Ourensán, traballou como profesor nas universidades de Santiago e Vigo, foi director do Centro de Sanidade Ambiental de Santiago, xefe provincial de Sanidade de Ourense, director de Saúde da Delegación Territorial de Ourense e director xeral de Saúde Pública, ademais de profesor no Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense.