DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase o libro do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia

A lusofonía, unha “vantaxe competitiva” para a comunidade galega

O volume pon o foco na importancia de potenciar o ensino do portugués na autonomía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/01/2020

“Nun mundo cada vez máis globalizado e interconectado, as relacións históricas de Galicia con Portugal e os territorios intercontinentais de lingua oficial portuguesa sitúannos diante dunha oportunidade histórica”. Esta é unha das principais conclusións recollidas no libro Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais, resultado do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que o pasado mes de marzo promoveron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o volume reúne as achegas de preto de 20 expertos e expertas de diferentes países e pon o foco na “vantaxe competitiva, empresarial, comercial, cultural, deportiva, social e cooperativa” que para Galicia supón o espazo da lusofonía, unha comunidade integrada por preto de 260 millóns de persoas.

Coordinado polos codirectores do congreso, os investigadores do Observatorio da Gobernanza Celso Cancela e Álvaro Xosé López Mira e o director do Igadi, Daniel González Palau, o volume pon de relevo nas súas conclusións a necesidade de “tomar medidas urxentes para materializar estas vantaxes comparativas”, sinalando como un dos “retos inmediatos” a potenciación do ensino da lingua portuguesa en Galicia.

Unha oportunidade para a supervivencia

“O portugués é o idioma máis falado no hemisferio sur”, lembra López Mira, que pon o acento na importancia de aproveitar as vantaxes que a lusofonía supón para Galicia no mundo global, xa que, sostén, “teño claro que se as desperdiciamos nos extinguimos como pobo”. De aí que unha das conclusións do libro sexa a de que “canta máis identidade galega, máis vantaxe competitiva”. López Mira destaca así mesmo a importancia de promover o ensino de portugués, unha das medidas recollidas na chamada Lei Paz Andrade, de aproveitamento da lingua portuguesa e promoción de vínculos coa lusofonía, aprobada en 2014 por unanimidade polo parlamento autonómico. Esta lei, engade González Palau, “abriu unha nova etapa na historia da autonomía” e motivou o impulso de “distintas actividades e programas”, mais, pola contra, a introdución do portugués no sistema de ensino público que se propuña no texto “está a ser incomprensiblemente lenta”, sinala. 

Potenciar as relacións cos países de lingua portuguesa debería constituír, a xuízo de González Palau, “un piar do modelo de desenvolvemento de futuro” de Galicia, tendo en conta a súa incidencia nos eidos económico e comercial, pero tamén en ámbitos “onde temos moitas complementariedades co espazo xeopolítico da lusofonía, como o pesqueiro, o académico e de investigación ou o turístico”. Nese senso, as conclusións do libro sinalan o mundo lusófono como unha “área estratéxica prioritaria para a internacionalización de Galicia” e reclaman unha “maior implicación” dos “axentes chave”, á vez que poñen de relevo que a lingua “é un activo chave para as relacións económicas no mundo actual”. Do mesmo xeito destácase como outros dos retos a acometer o ingreso na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), recentemente solicitado polo Goberno de España e que constitúe, como sinala López Mira, “un fito co que haberá que ser consecuentes”.

Catro perspectivas de análise

Enmarcado no proceso de darlle un novo pulo ao Servizo de Publicacións e integrado na súa colección Actas de congresos. Banda amarela, a publicación resultante do congreso celebrado o pasado mes de marzo e que contou co apoio do Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Xunta de Galicia, recolle as diferentes achegas realizadas polos expertos e expertas nas diferentes conferencias e comunicacións, así como nas sesións política, económica, sociocultural e xeopolítica nas que se estruturou o congreso. Así, entre as e os participantes no libro figuran a directora do Centro de Lingua Portuguesa do Instituto Camoes en Madrid, Filipa Soares; o empresario Xosé Carlos Morell, promotor da iniciativa lexislativa popular que deu lugar á Lei Paz Andrade; o escritor caboverdiano Germano Almeida; o escritor timorense Luis Cardoso, o presidente da Rede Galega de Empresa, Manuel Vázquez, o analista brasileiro Wesley Sá Teles ou o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares. A este serie de contidos súmase así mesmo unha comunicación de Rocío Carolo sobre a saudade como “elemento de cohesión da lusofonía”.