DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda edición de Divulgando Ciencia Singular comeza este venres en atlanTTic

Máis dunha trintena de actividades para amosar á sociedade o traballo dos centros singulares de investigación da Universidade

CIM, Cinbio e Cintecx desenvolverán as súas actividades en novembro e decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 12/11/2019

Os centros singulares de investigación da Universidade de Vigo abrirán de novo as súas portas á cidadanía a partir do vindeiro venres 15 de novembro. Ao abeiro da segunda edición do programa Divulgando Ciencia Singular, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx) desenvolverán ao longo dos meses de novembro e decembro un programa de actividades que permitirá “coñecer de primeira man o traballo que se fai nestes centros, con investigacións que achegan valor engadido á sociedade, un coñecemento útil que serve para mellorar a calidade de vida e o benestar da sociedade”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación. Rubio destaca que son centros con centos de investigadoras e investigadores que durante anos foron quen de captar decenas de millóns de euros en proxectos e contratos de I+D, de rexistrar ducias de patentes e sumar miles de publicacións, “e a pesar de todo ese esforzo dedicado e dos froitos recollidos, a sociedade apenas coñece nin recoñece a súa labor”, salienta a vicerreitora. 

De balde e previa inscrición na web cienciasingular.gal, calquera persoa, tanto adulta como nenos e nenas, poderá participar neste programa de actividades para toda a familia financiado pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia cofinanciada polo Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Actividades para descubrir a ciencia e a tecnoloxía e espertar vocacións

Divulgando Ciencia Singular arrancará este venres 15 de novembro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde, de 16.00 a 19.00 h, investigadoras e investigadores de atlanTTic desenvolverán unha ducia de obradoiros e tres visitas guiadas a espazos destacados do centro para “facer chegar o traballo que facemos á sociedade dun xeito que incluso fai posible achegarse á tecnoloxía que se atopa detrás a través de talleres e visitas”, sinala Carlos Mosquera, director do centro de investigación. Mosquera lembra que en atlanTTic se abordan numerosos retos da sociedade con tecnoloxías de telecomunicacións, en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a seguridade en comunicación, “estas tecnoloxías están presentes nas nosas vidas máis do que imaxinamos, ás veces de formas insospeitadas, e vemos necesario contribuír á súa difusión, xa que como sociedade necesitamos coñecer para opinar con criterio. Así, comunicacións por satélite, comunicacións ópticas, o 5G... todo ten matemáticas, física e unha importante dose de enxeñaría, que poden espertar vocacións entre os máis pequenos e pequenas”, recalca. 

Pola súa banda, o Centro de Investigación Mariña invitará a participar a toda a cidadanía os días 22 e 23 de novembro en Embárcate co CIM, Coñece o CIM en Toralla e Coñece o CIM no campus, tres accións coas que a poboación “poderá coñecer a investigación mariña de vangarda que se leva a cabo na Universidade de Vigo e a súa importancia cara á sociedade”, explica Daniel Rey, director do CIM. As persoas participantes descubrirán a ría de Vigo dende un punto de vista máis científico coa viaxe en barco, coñecerán a labor diaria que desenvolven as e os científicos coa actividade interactiva de laboratorio ou percorrerán durante as visitas guiadas as instalacións no campus e na illa de Toralla e é que segundo Rey “coñecernos é o mellor xeito para que a sociedade entenda que se fai investigación de calidade aquí cerca”.

Cinbio, pola súa banda, comezará coas súas actividadeso 28 de novembro instalando unha carpa na rúa Principe de Vigo, onde explicarán a súa actividade á cidadanía e o 5 de decembro desenvolverán unha xornada de portas abertas nas súas instalacións do campus. Pola súa banda, en Ourense instalarase unha carpa no Paseo o día 22 e o 29 de novembro terá lugar a xornada de portas abertas. As persoas interesadas poderán inscribirse nas actividades que se celebrarán no propio Cinbio no campus de Vigo e no campus de Ourense, “unhas xornadas de portas abertas, organizadas co obxectivo de que a xente coñeza que facemos no ámbito da investigación e a saúde. A idea é que toquen, vexan e poidan ver os laboratorios”, explican desde o Centro de Investigacións Biomédicas.

O programa de divulgación científica rematará coas actividades do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx).