DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo celebrou hoxe o primeiro Consello de Goberno virtual da súa historia por mor do Covid-19

Manuel Reigosa: “Imos intentar se é posible que o curso académico remate en prazo”

Na sesión, o reitor agradeceu o traballo de toda a comunidade universitaria e apelou á flexibilidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Saúde
  • TIC
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 24/03/2020

“Temos que aproveitar esta crise para saír máis fortalecidos e temos que dar exemplo como institución pública e facer o posible para que o sufrimento das persoas sexa o menor posible”. Con estas palabras comezaba esta mañá o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, a súa intervención na primeira sesión virtual que celebra na súa historia o Consello de Goberno da institución académica viguesa. A excepción do reitor; do secretario xeral, Miguel Ángel Michinel e do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, que asistiron en persoa á sesión no paraninfo do edificio Ernestina Otero, o resto de integrantes do órgano de goberno participaron na reunión de xeito virtual a través do Campus Remoto. Algo máis de tres horas e media durou unha sesión, na que, aínda que se deron luz verde a cuestións como o límite de prazas nas titulacións do vindeiro curso; á PDA; ás axudas de investigación; ou ás normas de elaboración do POD, a situación de excepcionalidade que se está vivir por mor do coronavirus marcou o desenvolvemento da sesión, desde o principio ao fin.

Así, o reitor, mesmo antes de dar conta do seu informe, dirixiuse ás e aos asistentes para avanzar que o equipo de goberno non vai promover expedientes de regulación de emprego ,“aínda que pode ser posible que nalgún momento sexa recomendable facer algunha suspensión de contrato, pero este equipo non o vai promover. Polas nosas contas saneadas podemos permitirnos algún esforzo para que as persoas sufran o menos posible”, dixo o reitor, que mesmo apuntou que están a negociar coas empresas coas que traballa a institución para que non fagan ERTES e poidan seguir a prestar servizos mínimos. 

A continuación Reigosa manifestou o seu orgullo polo comportamento dos membros da comunidade universitaria nesta pandemia. No caso do PDI, pola súa excelente resposta ante o requiremento de equipamento (PCR) e material sanitario realizado pola CRUE e “ao que o primeiro día xa respondemos cunha listaxe importante de material, que se recollerá en próximos días”. Sobre o PAS, o reitor destacou o seu esforzo por “desde a casa e sen unha preparación específica, estar cubrindo todas as necesidades que ten a Universidade”. E no caso do profesorado, Reigosa tamén gabou o seu traballo para cubrir a docencia e “que o curso non se perda e o alumnado reciba a docencia máis acaida e sexan quen de salvar o curso”.

Intentar que o curso remate en prazo e reprogramacións consensuadas coas direccións dos centros 

Manuel Reigosa lembrou as actuacións que ao longo das últimas semanas se levaron a cabo na Universidade para frear e minimizar o impacto da covid-19 e que arrancaron a finais de febreiro coa creación dunha páxina con información sobre o virus e o inicio da actividade, o 2 de marzo, do Comité de seguimento da COVID-19, que ata o de agora celebrou catro reunións. A suspensión das actividades lectivas presenciais e a posta en marcha da docencia en liña (13 de marzo); o peche temporal da instalacións, centros e servizos (14 de marzo); ou o inicio do período de probas das aulas virtuais en directo e da docencia virtual a través de Campus Remoto (23 de marzo), foron algúns dos feitos destacados polo reitor, en relación coa actuación da institución académica co gallo da pandemia. 

“Nós imos intentar, se é posible, que o  curso académico remate en prazo”, asegurou hoxe Reigosa, mais coa incerteza de non saber que vai ocorrer en próximas semanas, o reitor explicou que o equipo de goberno contempla varios escenarios. “Sendo realistas cabe pensar que a volta ás aulas será o derradeiro nivel dentro da crise (haberá outros sectores que volvan antes). Entón nós traballamos con dous escenarios, un, que isto se prolongue durante un tempo e que se poida, sen facer modificacións de calendarios, tanto a docencia como a avaliación, e outro pensando en que haxa que prolongar o curso académico”, explicou Reigosa. O reitor sinalou que calquera decisión que se tome será de acordo coas direccións dos centros porque,“na reprogramación do curso temos que ir todos a unha, os cambios na docencia teñen que facerse a través das direccións dos centros e así o imos facer. Xa están creadas todas as aulas virtuais que nos pediron os equipos decanais, segue o curso intensivo de FaiTIC, que é a ferramenta que utilizan moitas persoas, e as curvas que amosan o seu uso, confirman que o PDI está a facer o traballo que se lle pediu  e tamén se está a facer docencia virtual a través de Campus Remoto”, detallou o reitor. 

Tras apelar á flexibilidade para entrontar esta crise, Reigosa confirmou en relación coas aulas virtuais en directo, que desde agora e ata Semana Santa se realizarán probas de carga e se analizará ata que punto cómpre reforzar os sistemas técnicos. 

Límite de prazas de titulacións e declaracións de interese

As e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron na sesión de hoxe os límites de prazas de titulacións de grao e mestrado para o vindeiro curso. No caso dos graos, as principais modificacións, respecto deste curso, son as derivadas da aparición dos graos abertos (PCEO Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática; PCEO en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica e PCEO en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática) con seis prazas cada un e a conseguinte perda de prazas nos graos que se imparten na EE Industrial (Enxeñaría Biomédica : -6; Enxeñaría Mecánica: -12; Enxeñaría en Tecnoloxía Industriais en castelán: -8 e Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática: 9). Pola súa banda, os graos abertos en Humanidades; Ciencias e Enxeñaría (Ourense), ofertaríanse con 10 prazas cada un. Así mesmo, incrementan as súas prazas os graos en Comunicación Audiovisual (de 45 a 50) e Informática (de 110 a 136).

Por outra banda, aprobáronse as declaracións de interese de novas propostas de graos para o curso 2021-2022 dos graos que estaban dentro de acordo do SUG de xullo do ano pasado: Grao en Relacións Internacionais; Grao Dual e en Enxeñaría da Automoción; Grao en Filoloxía Aplicada Galego Española, mentres que o grao da Escola de Informática en Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial foi informado desfavorablemente pola COAP.  

PDA, normas de elaboración do POD e para a contratación de profesorado axudante doutor

Na sesión celebrada hoxe, aprobouse a Programación Docente Anual (PDA) de grao para o vindeiro curso con 22 votos a favor, sete  en  contra e tres abstención, unha programación que non introduce novidades respecto da actual, coa salvedade de que o único curso novo o ano que vén, que é terceiro de Enxeñaría Biomédica, precisamente centrou o debate sobre a asignación da docencia, o que obrigou a votar o punto. Así mesmo, tamén se  aprobaron as normas de elaboración do POD, no que se avanza na regulación da incorporación de investigadores ao POD e introdúcese a recomendación de ter en conta temas de conciliación na asignación da docencia.
Por outra banda, por 32 votos a favor, seis en contra e tres abstencións deuse luz verde a unha nova normativa para a contratación de profesorado axudante doutor. Segundo explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado “ata o de agora a contratación de axudantes doutores eran parte da elaboración de POD. Queremos desligar estes dous temas, xa que non ten sentido definir necesidades de profesorado consolidable en base a unha planificación (POD) que é so para o curso seguinte. Pretendemos que estea ligada ao cadro teórico de PDI. Ademais, reláxanse as condicións para xerar prazas de profesorado axudante doutor nos departamentos”.

Axudas de investigación da UVigo para o vindeiro curso e outros asuntos

Con relación as axudas de investigación, que hoxe foron aprobadas por asentimento, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, sinala que “en realidade non hai ningunha novidade máis alá de que se recuperaron todas as que houbo en ocasións anteriores, tal é o caso da axuda á reparación de equipamento científico, que o ano pasado non saíra. Os cambios con relación as do ano pasado céntranse só nas de mobilidade, e no xeito da avaliación, que se simplificou e cambiou un pouco o baremo. Ademais neste caso volveuse as contías dos anos anteriores, 20.000 € para bolsas de viaxes e 60.000€ para estadías, que o ano anterior baixaranse un pouco”. O total de axudas ascende a uns 250.000€, sendo Vigo unha das poucas universidades que ofrecen axudas aos investigadores.

En relación co PCEO ADE-Informática confirmouse que a Universidade segue á espera da resposta da Secretaría Xeral de Universidades ás cuestións que o Consello de Goberno acordou enviarlle na súa anterior sesión. O director do centro informou que nunha reunión co secretario xeral de Universidades este se lle confirmo que non había problema en realizar a solicitude aínda que non lle avanzou nada sobre a decisión que se tomaría ao respecto. Na sesión de hoxe, acordouse realizar a solicitude, aínda que o reitor lembrou que “pode ser un risco  se a Xunta o aprobe, aínda que se di que non se pode manter de forma local”. 

Por outra banda, na sesión de hoxe se aprobou a autorización excepcional de participación en tribunais de tese por videoconferencia e os prezos das residencias para o vindeiro curso.