DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván Clavel falará sobre a predición do abandono na práctica deportiva

O Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte ofrece unha das súas sesións en aberto

A cita será o venres 3 ás 16.00 h

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 02/04/2020

Este venres, ás 16.00 h, o Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo abrirá unha das súas sesións a todas as persoas interesadas en asistir a ela de xeito virtual. “Trátase dunha xornada de portas abertas que queremos que sirva para evadirnos un chisco do momento actual e, ao mesmo tempo, coñecer tendencias de máxima actualidade no eido do deporte”, explican os responsables do mestrado.

A sesión leva por título Predición do abandono na práctica deportiva e será impartida por Iván Clavel, xerente da Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia e profesor do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte. Sobre o interese de abordar esta cuestión, Patricio Sánchez, coordinador do mestrado, sinala como “o deporte e a actividade física estanse amosando como actividades estrela nestes tempos de confinamento que nos tocan vivir.  Isto pon de manifesto que o sector deportivo configúrase como un sector estratéxico da sociedade actual, cun carácter transversal como ningún outro”.  Aínda así, engade, “a practica deportiva cotiá e máis habitual da poboación vense de rachar abruptamente e está por ver como se pode recuperar”. Neste contexto, apunta Patricio Sánchez, “desde hai anos o seguimento das persoas que practican deporte e o seu abandono é unha ferramenta fundamental para todo xestor deportivo e este será o eixo fundamental sobre o que versará a sesión deste venres”.

Compartir coñecementos

O Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte desenvolvíase cada venres na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Coa crise da COVID-19 e o paso á docencia virtual, explica o seu responsable, o mestrado “estase desenvolvendo con normalidade aínda que prescindindo dun dos nosos sinais de identidade e de algo do que máis orgullosos nos sentimos, como é a presencialidade”. Dado que, subliña Patricio Sánchez, “somos xente de deporte e se algo caracteriza ao deporte son os retos” e tendo en conta que “o momento actual é, sen dúbida, un reto”, con esta iniciativa, comenta o profesor, “queremos dar algunha resposta á situación e o facémolo co que mellor sabemos facer, que é compartir os nosos coñecementos. De xeito cotiá facémolo nas aulas, entre catro paredes, pero agora abrímonos e, aínda que sexa virtualmente, saímos á rúa e facémolo para todo o mundo.”  

As persoas interesadas en asistir de forma telemática á sesión, que conta co apoio do Grupo IGOID e da súa directora, Leonor Gallardo, deberán enviar un correo electrónico cos seus datos persoais ao enderezo mbadeporte@uvigo.es, onde se facilitarán as instrucións para conectarse. “A resposta está sendo extraordinaria, temos xente anotada non só de toda España senón de tres continentes diferentes, nunca o noso mestrado foi tan internacional”, comenta por último Patricio Sánchez.