DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A necesidade de combinar o mundo físico e virtual é, segundo o reitor, o gran reto

As medidas adoptadas fronte a crise sanitaria protagonizan o último Consello de Campus do curso

Esther de Blas deu a benvida á nova xestora do Campus da Auga, que colaborá en todo o proceso de acr

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 08/07/2020

As medidas adoptadas nos últimos meses fronte a crise sanitaria e os detalles de organización para o vindeiro curso protagonizaron o informe que este mércores presentou o reitor Manuel Reigosa  na derradeira sesión do Consello de Campus de Ourense deste curso, unha reunión que, ao igual que a anterior, volveu celebrarse a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo. “A nosa obriga e o noso gran reto é enlazar eses dous mundos, o físico e o virtual, e para logralo temos que botar man desta ferramenta que é o Campus Remoto”, salientou o reitor quen, pese a amosarse moi orgulloso de todo o acadado nos últimos meses coa creación deste xemelgo dixital da UVigo, puxo de relevo a “aposta pola presencialidade” da institución académica de cara ao vindeiro curso, unha aposta que, lembrou, "non é do equipo de goberno, senón de toda a Universidade”.

Xunto ao reitor presentaron tamén os seus respectivos informes a vicerreitora do campus, Esther de Blas, que afondou na actual situación do Campus da Auga; o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, que, tras dous anos no cargo, fixo balance das medidas orzamentarias adoptadas polo actual equipo de goberno, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, que aproveitou para presentar aos diferentes membros do consello a nova campaña comunicativa da Universidade de Vigo que se estreará esta mesma semana.

Agárdanse axudas económicas da Xunta e o ministerio

“O xemelgo virtual o que fai é que en realidade teñamos dúas universidades, a de sempre, presencial, e a súa copia virtual, a que lle chamamos Campus Remoto e a nosa obriga é, como dixen, enlazar estes dous mundos”, explicou ao comezo da sesión o reitor, que indicou que, dependendo das necesidades de cada centro, se establecerá unha modalidade de docencia, prevalendo a modalidade presencial, pero cando isto non sexa posible optarase por un modelo mixto no que o alumnado poida seguir as clases tanto desde a aula como desde as súas casas. Para iso, explicou, trabállase na posta en marcha do Campus Integra, que permitirá o desenvolvemento dunha docencia mixta “o máis semellante posible á presencial”, de tal xeito que aqueles que teñan que seguir desde as súas casas “aulas teóricas e mesmo algúns seminarios”, poidan tamén interactuar co profesorado e os seus compañeiros e compañeiras.

Esta preparación da docencia mixta, sinalou o reitor, implica uns “gastos moi importantes que non se poden asumir con cargo aos orzamentos” da institución académica, motivo polo que afondou nesta xuntanza nas “negociacións en marcha” tanto coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como co Ministerio de Universidades, de cara a optar a diferentes liñas de axudas que permitan dotar ás aulas e aos docentes dos equipamentos necesarios, desenvolver un plan formativo do PDI en competencias dixitais ou garantir a eliminación da “fenda dixital” entre o alumnado.

Campus da Auga, inmerso no proceso de acreditación

Tras o informe do reitor tomou a palabra a vicerreitora do campus de Ourense, Esther de Blas, quen informou aos diferentes membros do consello sobre a situación actual do Campus da Auga, que segue inmerso no proceso de acreditación, e deulle a benvida á súa nova xestora, Ángela González Ferro, que se incorporou ao posto o pasado 16 de xuño. “A súa praza está financiada polo convenio de I+D da Xunta e as funcións que se lle van encomendar son colaborar na acreditación, seguindo as recomendacións do propio executivo autonómico, e na organización das diferentes actividades que se organicen”, explicou a vicerreitora, quen recalcou que González Ferro é unha persoa xa coñecida no campus de Ourense porque tamén traballou con Citaca, “onde fixo un excelente traballo e a nosa intención sería conservar esta praza e que teña continuidade no futuro”. Tamén relacionado co Campus da Auga a vicerreitora informou de que xa iniciaron a súa actividade no novo edificio dous novos laboratorios: un dirixido polo profesor Manuel Arias, da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, e o outro por Gil Garrote, de Enxeñaría Química.

Con respecto aos Premios do Campus da Auga, cuxa celebración tivo que ser adiada no seu día por mor da crise sanitaria, a vicerreitora explicou que xa está convocada unha reunión do comité executivo para preparar a nova edición destes galardóns. “Pensamos lanzar a convocatoria a finais do mes de setembro para que poida estar resolta nas semanas previas ao Día Mundial da Auga, que se celebra no mes de marzo, e facer un acto de entrega conxunto cos premios de 2020 e 2021”, salientou a vicerreitora.

A actividade cultural foi outro dos apartados nos que fixo especial fincapé a vicerreitora, neste senso, destacou a importancia de levar a cabo unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, que este ano cumpre as súas vodas de prata. “Estase a celebrar desde o 2 de xullo froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia aínda que este ano, por razón obvias, todas as actividades realízanse fóra do recinto universitario”, recalcou De Blas. 

En relación tamén á colaboración coa Deputación Provincial a vicerreitora informou aos diferentes membros do Consello de Campus de que xa se asinou o convenio de colaboración cultural entre ambas institucións, algo que se fixo con certo retraso por mor das circunstancias especias que se viviron este ano. “É un acordo que nos permite manter como en anos anteriores o financiamento de diferentes actividades de Extensión Universitaria”, explicou a vicerreitora, quen tamén apuntou que  xa se publicou a convocatoria de axudas para a organización dos obradoiros de Extensión Universitaria do primeiro cuadrimestre.

Balance económico de dous anos de goberno

Na súa intervención o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, presentou un “balance orzamentario” dos dous anos de goberno de Manuel Reigosa á fronte da Universidade, presentando como estaban as contas universitarias cando chegaron á reitoría en xuño de 2018, onde se está na actualidade a cara onde, segundo as súas previsións, vai a permitir ir a situación actual. “Atopamos unha universidade saneada e solvente, pero con grandes desequilibrios, sen os cales hoxe poderíamos ir moito máis rápido”, salientou. Incidiu nas diferentes “restruturacións orzamentarias” que foi preciso acometer para levar a cabo as políticas de persoal previstas no programa de goberno de H2040, “sempre co obxectivo de manter saneadas as contas da Universidade”. Máis en concreto, o vicerreitor fixo balance das novas prazas de persoal creadas, na transformación das xa existentes, do “baleirado das bolsas de acreditados” entre o profesorado, do paso a un máximo de 280 horas de docencia anual e do cobro íntegro das pagas extras por parte do PDI, do plus de responsabilidade do PAS e no pagamento íntegro das baixas do persoal. 

A UVigo estreará esta semana unha nova campaña comunicativa

Con motivo da celebración das Abau e da vindeira apertura do período de matrícula para o próximo curso a Universidade de Vigo estreará esta semana unha nova campaña comunicativa. Así o anunciou hoxe a vicerreitora de Comunicación, quen explicou ao diferentes membros do Consello de Campus o eixe central da campaña e amosou algunhas das pezas que se farán públicas este mesmo xoves. “Esta é unha oportunidade única para que os rapaces que estes días se aproximan ás aulas universitarias coñezan de primeira man as nosas instalacións e para lembrarlles que, na UVigo queremos que medren con nós”, recalcou a vicerreitora, quen recalcou que fronte ao ano pasado, no que o público obxectivo da campaña era sobre todo o que estaba a piques de entrar na Universidade, nesta ocasión se centra a atención nos rapaces máis novos, baixando a franxa de idade ata os 14 anos, “para que a conexión se produza canto máis cedo mellor”.

Con respecto ao balance do ecuador da lexislatura a vicerreitora destacou o impulso que se lle deu as redes sociais e as TIC para conectar co novo estudantado e promocionar as titulacións, o desenvolvemento dun sistema de xestión de crises de reputación nos medios sociais, a implantación de novas formas de fomento da imaxe da UVigo, a habilitación de canles e ferramentas de comunicación “inclusivas e democráticas” ou o propósito de “involucrar a cidadanía a través de actividades de divulgación e difusión”.