DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao longo de todo o mes haberá conferencias, talleres e unha visita ao porto de Vigo

Medio cento de estudantes participan no campus nun curso sobre Dereito Marítimo

As actividades arrancaron esta semana na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 10/04/2019

Preto de medio cento de alumnos e alumnas do Grao en Dereito participan este mes na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo na oitava edición do Ciclo sobre Dereito Marítimo, unha actividade dirixida a aproximar aos asistentes á operativa de certas empresas do sector marítimo/portuario e aos principais problemas xurídicos derivados da mesma, para o que se ten previsto a realización de dous talleres, unha conferencia e unha visita á lonxa do porto de Vigo. 

As actividades arrancaron esta semana co taller Operativa de consignación de buques, a cargo de Roi Gómez, do grupo Kaleido Logistics. Neste obradoiro os asistentes estudaron os conceptos básicos, funcións e responsabilidades relacionados coas empresas consignatarias a través da formulación dun caso práctico. Por outra banda, este martes tivo lugar a conferencia Xestión de navegación e xestión de flota no transporte marítimo, conducida por Gumersindo García, director de operacións de Remolcanosa. 

O ciclo de continuará cunha visita guiada á lonxa do porto de Vigo, con prazas limitadas, o vindeiro día 25 de abril de 07.00 a 11.30 horas, e as actividades culminarán o día 29 co taller Operación de comercio internacional con transporte marítimo de contenedores, no que se contará coa participación do director de operacións de Progeco Vigo SA, Francisco Fernández Sasiaín, quen analizará unha operación desas características a través dun caso práctico.

Inscrición previa para visitar o porto de Vigo

As conferencias e seminarios do curso celébranse na aula A1 da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e “están abertas a calquera persoa interesada”, subliña Francisco Torres, profesor da Área de Dereito Mercantil, quen tamén explica que para a visita ao porto de Vigo terá prioridade o alumnado das materias optativas Dereito Marítimo e Dereito do Comercio Internacional e que esta é a única actividade para que é preciso inscrición previa.