DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolleu a presentación das actividades da Área de Benestar, Saúde e Deporte

Natación, defensa persoal e xogos colectivos súmanse á oferta deportiva do campus

Ata 1 de outubro, a comunidade universitaria terá acceso gratuíto ás instalacións e actividades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Pontevedra 19/09/2019

Co propósito de fomentar o deporte e a actividade física como un elemento esencial na formación integral da comunidade universitaria, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da institución académica arrinca un novo curso propoñendo un variado abano de servizos e actividades no campus pontevedrés. O seu “produto estrela”, como lembra o técnico da área Gustavo Loureiro, será un ano máis o abono Muver, que ofrece acceso a sala de cardio-fitness e instalacións do Pavillón Universitario, descontos en diferentes iniciativas e a participación, sen coste adicional, en diferentes actividades, ás que se incorporan defensa persoal, xogos e deportes colectivos e natación.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alfonso Mandado, e o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, presentaron xunto con Loureiro esta oferta deportiva nun acto celebrado na sede da Vicerreitoría. Oferta que ademais, as e os integrantes da comunidade universitaria poderán coñecer de xeito gratuíto ata o 1 de outubro, xa que co gallo da celebración da Semana Europea do Deporte, a Área de Benestar, Saúde e Deporte impulsa unhas xornadas de portas abertas, nas que o acceso á sala de cardio-fitness e ás actividades dirixidas será de balde.

“O deporte, o benestar e a saúde teñen que tocar de cheo a todos os alumnos e alumnas da Universidade”, salientou Soto, que incidiu na importancia destas áreas dentro da “formación integral” que a institución académica busca proporcionarlle ao estudantado. Nese senso, o vicerreitor destacou que a Universidade traballa no impulso de “actividades puntuais” nos diferentes campus, especialmente dirixidas a “activar a todas aquelas persoas” que non realizan actividade física, á vez que incidiu en que deporte, benestar e saúde son aspectos moi presentes no proxecto Green Campus. Nese mesmo senso, Mandado sinalou tanto á conmemoración da Semana Europea do Deporte como da Semana Europea da Mobilidade que se celebra estes días, ao tempo que anunciou que, con ese propósito de sumar máis persoas á práctica deportiva, “imos intentar facer clubs deportivos dentro de cada facultade”. 

Preto de 700 ‘muvers’ o pasado curso

Cun custo de 35 euros por cuadrimestre e de 60 ao ano para a comunidade universitaria e diferentes prezos para familiares, titulados e tituladas e persoas alleas á institución académica, o abono Muver contou o pasado curso con 679 usuarios e usuarias, “das que un 48% eran mulleres, a ratio máis elevada dos tres campus”, apuntou Loureiro. Esta alta participación obrigou a pechar a inscrición a novos participantes, algo que podería acontecer de novo neste curso, adiantou o responsable da área, xa que, desde o apertura da inscrición o 1 de setembro, o campus conta xa con 228 aboados e aboadas.

Entre os servizos deste abono figuran unha serie de actividades dirixidas, como pilates, ciclo indoor e hiit-cross training e ás que se suman este curso defensa persoal e xogos e deportes colectivos. Ademais, a “gran novidade” para os aboados e aboadas será a posibilidade de acudir, tamén sen custo adicional, á piscina do novo centro deportivo de Campolongo, nuns determinados horarios, “a partires do 1 de outubro, que é a data prevista para a apertura desta instalación”. 

Adestramento personalizado e ligas universitarias

No Pavillón Universitario desenvolverase de novo unha actividade de adestramento personalizado, para grupos de un máximo de cinco persoas, cun custo de 50 euros por cuadrimestre. Por outra banda, lembrou Loureiro, ata o 5 de outubro permanece aberta a inscrición nas diferentes competicións universitarias de deportes colectivos, que o pasado curso reuniron no campus a 15 equipos e 158 participantes, entre os que figuraba o equipo de balonmán feminino que se proclamou campión de España universitario. A estas opcións súmanse os centros deportivos abertos, que ofrecen condicións vantaxosas aos e ás integrantes comunidade universitaria, e os servizos de fisioterapia e medicina deportiva, que se ofrecen nas instalacións da Escola de Enxeñaría Forestal.