DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será realizada por membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio

Unha nova intervención arqueolóxica intentará avanzar no coñecemento do xacemento galaico-romano de Santa Lucía

O traballo de campo desenvolverase do 31 de xaneiro ao 4 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 16/01/2020

O día 31 de xaneiro arrancará no xacemento galaico-romano de Santa Lucía, en Astariz, no concello ourensán de Castrelo de Miño, unha nova campaña arqueolóxica. Será a terceira que desenvolvan neste enclave membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT). O obxectivo nesta ocasión é realizar unha sondaxe no seu aterrazamento principal e facer o rexistro fotogramétrico de varios sectores do castro.

A campaña foi presentada este xoves no Concello de Castrelo de Miño polo seu alcalde, Esteban Suárez, e por Fermín Pérez, director do proxecto, un dos investigadores principais do GEAAT e profesor na Facultade de Historia do campus de Ourense. O financiamento da acción corre a cargo deste concello ourensán a través dun contrato de I+D por valor de 3000 euros máis IVE e da Universidade de Vigo, que achega 2612 euros máis IVE a través dos fondos de investigación asignados e dispoñibles polo grupo GEAAT para este fin. Segundo se explicou na presentación, no proxecto participan, ademais de Fermín Pérez, Jessica Silvares, arqueóloga do GEAAT e directora da intervención arqueolóxica, e oito estudantes de grao e mestrado da Facultade de Historia do campus de Ourense. O proxecto iniciarase cos traballos de campo que se realizarán no xacemento desde o 31 de xaneiro ata o 4 de abril e terá como obxectivo dar continuidade ás campañas desenvolvidas no xacemento en 2016 e 2017 polo propio GEAAT.

Obxectivos do proxecto

A intervención de campo, explican os seus responsables, consiste fundamentalmente na realización dunha sondaxe arqueolóxica centrada exclusivamente no sector dous do castro, na plataforma da croa ao carón do penedo de Santa Lucía, xa que é “a que amosa unha maior potencialidade científica, histórica e patrimonial de todo o xacemento”. A zona, detallan, xa foi escavada nas campañas de 2016 e sobre todo en 2017, exhumándose unha superficie de case 125 metros cadrados onde quedaron á vista importantes estruturas construtivas (unha cabana circular de tradición indíxena, unha rúa transversal, varios habitáculos con esquinas en ángulo recto) datadas ao longo da época romana, desde o cambio de era ata o século V ou VI despois de Cristo. “A escavación consistirá na ampliación perimetral dos perfís estratigráficos existentes polas bandas sur e leste do sector dous”, indican os responsables da campaña. O obxectivo desta sondaxe, apuntan, “é aclarar varias das estruturas achadas nas campañas anteriores, xa que é cara ao sur e, en menor medida, o leste onde se dirixen a rúa e os muros romanos”. A escavación, engaden, irá encamiñada esencialmente á “resolución dos principais problemas histórico-científicos que presenta o xacemento, especialmente a datación e caracterización de estruturas e materiais descubertos nas campañas anteriores”.

O segundo grande eixo de acción desta campaña será “documentar e rexistrar fotogrametricamente tanto a nova área escavada do xacemento como outras áreas do xacemento, especialmente os sectores 6 e 7,  que teñen visibles unha gran cantidade de estruturas rupestres”. A fotogrametría, detallan os seus responsables, permitirá ter un “rexistro ultrapreciso (planimetrías e altimetrías en 2D e 3D) das estruturas do xacemento”. Ademais, engaden, a escavación irá acompañada de traballos de laboratorio onde se procederá ao estudo convencional dos restos mobles (lavado, siglado, inventario e debuxo), á realización das analíticas que fosen precisas (restos orgánicos, datacións de C14, etc) e á elaboración e interpretación dos datos obtidos (estruturas, estratigrafías, planimetrías, etc), con vistas á redacción de informes, memorias e publicacións científicas.

Seguindo a filosofía de traballo do GEAAT, os responsables do proxecto indican como “nesta campaña queremos que a divulgación e participación da poboación local nos traballos de escavación sexan un piar fundamental”. Así, adiantan, “queremos que os veciños coñezan en profundidade o patrimonio arqueolóxico que os rodea e concienciar neles a importancia da preservación e coidado do xacemento”, estando previsto no proxecto a realización dunha sesión informativa previa, xornadas de portas abertas durante a intervención e visitas guiadas nos meses posteriores, entre outras accións.

A importancia do enclave

Este castro galaico-romano, lembran desde o GEAAT, localízase no monte de Santa Lucía, amosando “unha morfoloxía oblonga moi alongada e unha extensión media de 2’75 hectáreas”. Boa parte da superficie, detallan, “está ocupada por grandes batolitos graníticos (especialmente na croa, onde destaca o inmenso penedo de Santa Lucía), afloramentos pétreos que, amais de xerar covas e abrigos normalmente axudan a conformar e delimitar algúns aterrazamentos ou recintos internos”. As escavacións realizadas en anos anteriores, indican os responsables do proxecto, “confirman a presenza de niveis de ocupación galaico-romanos (cabana circular), romanos e tardo-romanos (rúa e muros rectilíneos) e tamén medievais ou modernos (refuxio baixo o penedo), seguramente relacionados coa desaparecida capela de Santa Lucía, da que se atoparon numerosos sillares moldurados e incluso pintados”. Entre os principais achados feitos neste xacemento nas anteriores campañas realizadas polo GEAAT está a descuberta “do primeiro lagar rupestre datado no Noroeste peninsular, e un dos poucos que conta con datacións en toda a península ibérica” que, explican os promotores do proxecto, “axuda a constatar, sen lugar a dúbidas, que xa se producía viño na comarca do Ribeiro desde inicios da dominación romana da Gallaecia, no século I despois de Cristo".