DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As novas infraestruturas universitarias serán prioritariamente de madeira e pedra do país

Púxose como exemplo a nova sede institucional do Berbés

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/03/2019

Construída toda en madeira e pedra do país, a nova sede institucional e de I+D da Universidade de Vigo no Berbés, aínda en construción, converteuse este luns no escenario elixido para asinar un convenio marco de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Industrial Forestal, a Universidade de Vigo e a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia no que as tres institucións se comprometen a cooperar na promoción do uso da madeira e da pedra do país en todas  as novas infraestruturas da Universidade de Vigo.

O acordo foi rubricado este mediodía por parte do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o reitor, Manuel Reigosa e o presidente da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, nun acto no que se fixo unha firme defensa sobre as múltiples posibilidades que ofrecen estes dous materiais construtivos, “autóctonos e sustentables” nun marco de innovación tecnolóxica que fomente o desenvolvemento e emprego de novos tratamentos e técnicas construtivas que contribuirán á innovación, competitividade e internacionalización das empresas galegas.

Materias que fomentan “a economía local e a calidade construtiva”

“Hai un compromiso mutuo para utilizar materiais que favorezan, por unha banda, a economía local e, pola outra, a calidade construtiva”, explicou o reitor, ao que o conselleiro de Economía engadiu que dentro dos compromisos do convenio, búscase promover a colaboración en materia de innovación tecnolóxica, favorecendo o intercambio de información e a transferencia de coñecemento; deseñar e xestionar actuacións conxuntas dedicadas a promover e divulgar o uso e desenvolvemento de novas tecnoloxías de aplicación de madeira estrutural e de pedra natural; e a fomentar conxuntamente o establecemento de redes de innovación e de I+D, así como os consorcios públicos-privados de innovación colaborativa.

Agradecéndolle á Universidade “a súa visión e o seu compromiso coa eficiencia enerxética, a sustentabilidade e os materiais autóctonos”, Conde recalcou que o impulso destes materiais na construción de novas edificacións servirá tamén como balón de osíxeno  para dous sectores estratéxicos da economía galega, como a madeira, “con máis de 2000 millóns de euros de facturación”, e a pedra ornamental –o 41% das rochas ornamentais do conxunto estatal proceden de Galicia-.

Nova sede institucional e de I+D do Berbés

A sinatura deste acordo converteuse tamén na primeira visita pública á nova sede institucional e de I+D do Berbés, un edificio cuxo interior está sendo construído case ao 100% en madeira, sobre todo taboleiro contralaminado e que se converterá en todo un referente no uso deste material na construción.

Ás preguntas dos medios de comunicación sobre o prazo de finalización das obras, previsto inicialmente para este mesmo mes de abril, o reitor explicou que sufrirá retrasos debido a “diferentes cuestións relacionadas co propio traballo das empresas”, ao que engadiu que desde o equipo de goberno se fará todo o posible para finalizar este proxecto “en canto sexa posible”. En canto ao plan de usos, o reitor admitiu que este edificio permitiralle á institución pór “un pé na cidade” e “achegarnos á sociedade viguesa e tamén ao noso alumnado, tanto propio como estranxeiro”, ao que engadiu que, se ben durante a campaña electoral a reitor se falara de localizar alí as actividades do Programa de Maiores, finalmente, e debido a problemas de espazo, “isto non vai poder ser”.