DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A devolución de libros aprazouse ata o 15 de abril e non se descartan novos adiamentos

As novas tecnoloxías facilitan que a Biblioteca Universitaria siga activa

Abren unha nova sección para dar a coñecer diferentes iniciativas de acceso gratuíto a recursos dixi

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Institucional
D. Besadío DUVI 23/03/2020

Debido ao estado de alarma e ás medidas decretadas polas autoridades universitarias e gobernamentais para tratar de frear a propagación da COVID-19, a Biblioteca Universitaria suspendeu desde o pasado 13 de marzo os servizos presenciais en todas os centros dos tres campus, pero isto non impediu que se sigan prestando servizos a distancia e atendendo consultas, tanto a través do correo electrónico como vía telefónica.

Na web da biblioteca pódense consultar os niveis de servizo que se están a ofrecer e as diferentes formas de contactar co persoal dispoñible en horario de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres. Entre outros asuntos lembran que segue activo a consulta a todos os recursos electrónicos, consultas e información sobre adquisición de libros e todo tipo de material bibliográfico, apoio bibliométrico, séguense tramitando solicitudes de artigos de revistas electrónicas e altas de usuarios no sistema para solicitar documentos. Por outra banda, tamén están dispoñibles para a súa consulta en liña tanto o catálogo da biblioteca como diferentes guías e titoriais, o repositorio institucional Investigo e o xestor de referencias bibliográficas Refworks, dirixido a facilitar a recompilación de información e a creación automática de citas e bibliografías nos traballos académicos nun estilo normalizado.

Gerardo Marraud: “Fannos sobre todo consultas relacionadas co préstamo de libros e de acceso a revistas electrónicas”

Con respecto ao préstamo físico de libros lémbrase que este servizo quedou interrompido, salvo consultas por correo electrónico, adiándose todas as devolucións de libros ata o vindeiro 15 de abril, data que poderá revisarse de novo en función da evolución da situación sanitaria. “Ata o de agora, ademais de consultas de provedores, fannos sobre todo consultas relacionadas co préstamo de libros (novas datas de devolución, vencementos, renovacións) e de acceso a revistas-e (claves de acceso,  acceso vía proxy)”, explica o director da biblioteca, Gerardo Marraud, quen insiste en que, en función de como vaia a situación, é posible que haxa que anunciar un segundo prazo de ampliación de devolución de libros.

Ao igual que a maior parte do resto do persoal universitario, todo o persoal da Biblioteca Universitaria traballa desde o pasado luns desde as súas casas. “O primeiro que fixemos foi crear un grupo de whatsapp con todas/os responsables de bibliotecas e de seccións para compartir información e estar en contacto permanente”, explica Marraud, ao que engade que os servizos non presencias están todos funcionando, “aínda que, cos problemas de tráfico da rede en toda España, é posible que, ás veces,  os tempos de resposta sexan máis longos ou se produzan cortes de rede”.  

Seguen en marcha 41 cursos virtuais

Con respecto aos cursos de formación, os de carácter virtual seguen a impartirse con normalidade, mentres que os presenciais suspendéronse ata que se reanude a actividade lectiva. “Na actualidade temos en marcha 41 cursos virtuais, 34 para o estudantado de grao e sete para posgraos”, apunta o director, ao que engade que os cursos dirixidos ao alumnado de grao son sobre como facer un Traballo Fin de Grao (28 cursos) e sobre coñecer a Biblioteca (seis); os sete cursos para o posgrao son sobre acceso, avaliación, xestión e publicación de información científica.

Ao longo do día de hoxe luns, os responsables da Biblioteca Universitaria van actualizar a súa web cun novo apartado, na sección Servizos Bibliotecarios, no que irán informando á comunidade universitaria das iniciativas que, nesta situación de alarma, están a tomar varios editores, plataformas e provedores de contido de ofrecer acceso gratuíto a recursos dixitais durante este período.