DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dereito celebra unha nova edición do seu programación de formación permanente

Nove conferencias para pórse ao día no eido xurídico

A primeira sesión estivo dedicada este venres á Organización Internacional do Traballo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 27/09/2019

Nove conferencias doutros tantos especialistas nas que es abordan temas de actualidade transversal no eido xurídico. Con esta premisa preséntase a terceira edición do Curso de Actualización Xurídica 2019/2020 da Facultade de Dereito do campus de Ourense. A iniciativa, cuxa programación arrancou este venres, permitirá ao alumnado e profesorado do centro e ás persoas interesadas actualizar os seus coñecementos en diferentes áreas do dereito.

O comité organizador deste programa está composto por Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito; Susana Álvarez, vicedecana deste centro, e Francisca Fernández Prol, coordinadora do Grao en Dereito. A actividade, lembran desde a organización, púxose en marcha no curso 2017/2018 no marco das actividades da Comisión de Calidade do centro como un programa de formación permanente no que cada área da Facultade de Dereito participa propoñendo un experto ou experta e unha temática do seu interese pero de carácter transversal, con interese tamén para as demais ramas de coñecemento. Polos bos resultados acadados nas edicións anteriores, a actividade xa se ten consolidado na programación do centro.

Os obxectivos da iniciativa son continuar avanzando na formación multidisciplinar do persoal docente e investigador da Facultade de Dereito e na súa actualización en temáticas xurídicas alleas ás especialidades de cada docente, pero, a miúdo, necesarias para a aproximación e análise de cuestións complexas. Ademais, o curso quere fomentar o intercambio de información relativa a institucións ou réximes xurídicos polémicos, novidosos ou de actualidade, alén de potenciar a conformación de foros de debate e discusión.

Do dereito internacional ao constitucional

As conferencias, que se prolongarán ata o día 5 de xuño de 2020, arrancaron este venres cunha sesión sobre Os dereitos fundamentais no centenario da Organización Internacional do Traballo, impartida pola profesora Eleonora Slavin, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad Nacional de Mar de Plata (Arxentina). Tras esta intervención, proposta pola Área de Filosofía do Dereito, haberá ao longo de 2019 e 2020 outras centradas nas áreas de dereito penal, procesual, internacional público e privado, mercantil, do traballo e da seguridade social, administrativo e constitucional.

A seguinte conferencia prevista xa para o mes de outubro será O papel do dereito penal no control da criminalidade organizada: análise do caso colombiano, ofrecida  por Juan Oberto Sotomayor, catedrático de dereito penal da Universidad EAFIT (Colombia). Seguiralle tamén en 2019 unha intervención de Mar Jimeno, catedrática de Dereito Procesual da Universidad de Burgos, sobre Un proceso europeo para o século XXI. Xa en 2020 están previstas conferencias sobre temas como os 30 anos da Convención dos Dereitos do Neno, a cargo de Jorge Cardona, catedrático de Dereito Internacional Público da Universidad de Valencia e antigo membro do Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas, ou as novidades no eido do dereito de estranxeiría, a cargo de Ana Fernández, profesora Titular de Dereito Internacional Privado da Universidad de Alcalá de Henares.