DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Forestal acolle este sábado as III Xornadas Galegas de Patrimonio Natural 

Nove conferencias para pór en valor a conservación da biodiversidade

Impulsadas pola Sociedade Galega de Historia Natural

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/11/2019

A contaminación luminosa, as mareas vermellas, a xestión do monte e a paisaxe ou a conservación de especies como o oso ou as píntegas serán algúns dos temas que este sábado 23 de novembro abordarán na Escola de Enxeñaría Forestal as III Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade. Promovidas pola Delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) coa colaboración deste centro, estas xornadas reúnen no seu programa un total de nove conferencias, complementadas o domingo 24 coa proxección dun documental no Museo de Pontevedra. 

O representante da Delegación de Pontevedra da SGHN, José Rodrigo Dapena, o director da EE Forestal, Juan Picos, e o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, presentaron este xoves o programa dun evento que mantén aberta a súa inscrición. “Estamos moi orgullosos de ser anfitrións por terceiro ano destas xornadas, que nos permiten complementar, con relatores de moita calidade, algúns aspectos que son parte do noso plan de estudos, como pode ser a conservación e restauración do patrimonio forestal”, salientou Picos, que subliñou o positivo desta colaboración cunha “entidade da tradición e o prestixio no estudo e defensa do medio natural como a SGHN”. Nesa mesma liña Carlos Souto lembrou que a SGHN forma parte do Comité Ambiental do Green Campus e sinalou que estas xornadas “céntranse na defensa do patrimonio natural e a biodiversidade, dous obxectivos esenciais dentro da concienciación ambiental”. Fano ademais, engadiu, “a través da educación” polo que “encaixan perfectamente dentro da filosofía do Green Campus, que trata de educar en aspectos que melloren a nosa contorna desde o punto de vista ambiental”.

Da contaminación á preservación

As xornadas arrancarán na mañá do sábado cunha conferencia sobre contaminación luminosa a cargo do vogal da Sección de Astronomía da SGHN Paulino Gasalla, seguida polo relatorio que o investigador do CIF de Lourizán Francisco Javier Silva Pando centrará en tres espazos de alta diversidade vexetal en Galicia, A Lanzada, Melide e a serra da Enciña da Lastra. No programa figura tamén o relatorio Cen anos de mareas vermellas, do investigador do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO) Francisco Rodríguez, e a conferencia na que Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, explicará as principais liñas de actuación do proxecto Life Oso Courel. O bloque de conferencias da mañá pecharao Xesús Balboa, director do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, que impartirá unha conferencia titulada Xestión do monte e a paisaxe na Galicia contemporánea.

Pola tarde, Xulio Valeras, do Oceanográfico de Vigo, falará sobre a ecoloxía da quenlla peregrina, mentres que custodia e restauración serán os eixos do relatorio de David Rodríguez, vicepresidente da asociación Ridimoas. A continuación, o investigador Luis Tapia realizará unha análise sobre aves rapaces como indicadoras da perda de biodiversidade no interior de Galicia, pechando este bloque o relatorio sobre a "xoia evolutiva" que constitúen as píntegas, de Guillermo Velo, da Universidade de Porto. 

As III Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade completaranse o domingo 24, ás 12.00 horas, no museo, coa proxección do documental El legado de las rías gallegas e o posterior coloquio co seu director, Jorge J. Candán.