DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido por EspazoCoop en colaboración coa agrupación estratéxica Ecobas

Un obradoiro gratuíto e en liña para formarse no ámbito do emprendemento cooperativo

Comprenderá tres sesións virtuais os martes 16, 23 e 30 deste mes de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 11/06/2020

A unión de cooperativas EspazoCoop en colaboración coa agrupación estratéxica da Universidade de Vigo, Ecobas, ofertan un curso de carácter gratuíto para promover a formación no eido do cooperativismo. A actividade, que se enmarca dentro da programación da Rede Eusumo 2020, denomínase ‘Lánzate a emprender en cooperativa’ e será impartida de xeito telemático mediante a plataforma de teleformación da Unión de Cooperativas Espazocoop, dentro do campus virtual da Universidade de Vigo.

Dirixido a persoas pertencentes a cooperativas, estudantes, desempregados...

O obradoiro, dirixido a un público xeral, está principalmente destinado tanto a redes como a colectivos relacionados co eido do cooperativismo e o desenvolvemento local e comarcal, así como a persoas que teñen vinculación académica ou profesional con este ámbito, ben como socias ou socios ou como persoas asalariadas en cooperativas, pero tamén persoas doutras entidades da economía social, estudantes da universidade ou outros centros de ensino e persoas desempregadas en xeral.

Son estas últimas nas que se centra o obxecto principal da actividade, que pretende achegar o modelo cooperativo á cidadanía, en especial ás persoas que carecen de emprego e que queren coñecer a fórmula do autoemprego cooperativo. Ademais, o obradoiro pretende mostrar dende un punto de vista práctico e achegado á realidade das e dos participantes, as condicións e pasos a dar para emprender baixo a fórmula cooperativa e contribuír a que estas persoas se interesen e valoren as cooperativas e as súas achegas sociais e económicas coñecendo a experiencia real dunha delas que está actualmente en funcionamento.

Catro módulos formativos e tres sesións virtuais

A actividade, que deberá contar cun mínimo de 10 e un máximo de 15 persoas por grupo, desenvolverase en liña e constará de catro módulos nos que se abordarán temas como o emprendemento, o cooperativismo de traballo como alternativa de emprego, a organización e o financiamento, e a experiencia cooperativa. O curso empregará unha metodoloxía activa e participativa, a través da cal o profesorado proporá actividades para traballar en grupo utilizando medios audiovisuais para enriquecer as exposicións e tentando que o alumnado sexa protagonista no proceso formativo mediante a reflexión, a participación e a experimentación.

As persoas inscritas disporán dos materiais académicos do curso e farán actividades prácticas durante un total de 20h e, paralelamente, tamén se programaron tres sesións virtuais de aprendizaxe que terán lugar os martes 16, 23 e 30 de xuño en horario de 11.00 a 12.30 h para dinamizar a participación do alumnado no curso, resolver dúbidas e consultas, facer actividades síncronas con todo o grupo e manter unha videoconferencia cunha persoa cooperativista que lles contará a súa experiencia.

A sesión inicial será unha breve presentación do curso e do seu profesorado, na que, o alumnado poderá coñecer as actividades prácticas que se van desenvolver e enfrontarse a unha autoavaliación inicial sobre cooperativismo.

 A segunda sesión centrarase na resolución de dúbidas e contraste dos resultados das actividades propostas polos docentes. O alumnado realizará actividades e dinámicas traballando sobre os aspectos máis salientables dos contidos en pequenos grupos para a creación de emprendemento cooperativo de diferentes tipos como traballo asociado, servizos e consumo tomando decisións conxuntas nun debate plenario.

O curso pecharase nunha terceira sesión, que contará coa participación dunha persoa representativa do eido cooperativista que establecerá un diálogo co alumnado do curso no que os participantes poderán resolver dúbidas ao respecto ou facer consultas en relación co tema do obradoiro.