DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido na programación da Vicerreitoría, dá continuidade a un curso de iniciación

Un obradoiro permite ao alumnado profundar no seu dominio da lingua de signos

Na tarde de xoves tivo lugar a entrega de diplomas do curso de cociña do Campus Crea

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/05/2019

No marco do programa de obradoiros de extensión universitaria que promove a Vicerreitoría do campus, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu o pasado cuadrimestre a primeira edición de Comunícate coas mans, un taller dirixido a achegar ás e aos asistentes uns coñecementos básicos da lingua de signos española. Dez das e os participantes naquel primeiro taller fórmanse nestas semanas nun segundo obradoiro que, baixo o título de Comunícate coas mans II: Profundización na lingua e cultura da comunidade xorda, trata de ampliar o seu coñecemento e manexo desta lingua. “A verdade é que é un grupo moi motivado, polo que darlle continuidade, que houbese un segundo nivel no que van aprendendo máis, axuda a que vaian interiorizando a lingua de signos e que vaia quedando aí xa un pouso”, salienta a profesora Ana Fernández Soneira, integrante do grupo de investigación en lingua española e linguas signadas Griles e responsable de impartir este curso xunto coa intérprete de lingua de signos Alba Puentes e Manuel Lema, unha persoa xorda que, ademais de exercer como docente nesta iniciativa, atópase tamén cursando o grao en Belas Artes.

Aberto tanto ás e as participantes no obradoiro desenvolvido no primeiro cuadrimestre como a persoas “con algún coñecemento de lingua de signos, xa que non partimos desde cero”, o taller de 30 horas que ata o 12 de xuño se desenvolve neste centro do campus pontevedrés ten nese senso como obxectivo ampliar os coñecementos do alumnado co propósito de que poidan acadar “un nivel comunicativo básico” que lles permita “manter conversas máis longas e máis elaboradas” ou coñecer “algún tipo de vocabulario máis complexo”, explica Fernández Soneira. Con ese obxectivo, entre os contidos dun curso de carácter fundamentalmente práctico deste taller figuran cuestións como os “apuntamentos no espazo ou os clasificadores, que son algo moi prototípico das linguas de signos” e que, por exemplo, permiten “mover os obxectos no espazo” nunha conversa, explica a directora do curso.

Da realidade da comunidade xorda ao traballo nas aulas

“O bo de contar cun segundo nivel é que o alumnado trae moitas preguntas”, recoñece Fernández Soneira dun taller que nese senso trata da responder tamén ao interese do alumnado por determinadas cuestións. Así, entre os contidos que aborda o obradoiro que se desenvolve desde finais de abril figuran aspectos como as marcas temporais, os clasificadores descritivos para describir o aspecto das persoas ou a forma dos obxectos, os cuantificadores, a articulación da frases enunciativas, interrogativas ou imperativas, a expresión de emocións ou opinións, frases útiles ou o funcionamento dos distintos tipos de verbos, “que teñen un comportamento morfolóxico diferente”. Mais, ao mesmo tempo, o obradoiro afonda tamén en cuestións solicitadas polos propios e propias participantes, moitos deles, estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “que tiñan interese por falar dos recursos educativos e de cousas que se poden facer na escola” tanto para achegar a lingua de signos aos escolares como para o traballo con nenos e nenas xordas, explica Fernández Soneira dun taller que, nese senso, axudou tamén a que participantes neste taller organizasen “actividades de lingua de signos” nos centros educativos nos que desenvolveron as súas prácticas ou que outras e outros leven a cabo traballos de fin grao relacionados coa lingua de signos.

Por outra banda, o obradoiro ten tamén entre os seus obxectivos afondar no coñecemento do contexto social, lingüístico, cultural e educativo no que se desenvolven as persoas xordas, o que levoulles a abordar cuestións como “as institucións que rodean á comunidade xorda”, a investigación que se leva a cabo arredor da lingua de signos ou mesmo aspectos vinculados á propia actualidade desta comunidade, como a publicación nestes meses por parte da Xunta de Galicia “dun protocolo para a inclusión dos nenos xordos na escola, cousas que aproveitamos para incluílas no curso”, engade a súa directora.

Clausura do curso de cociña

Inserido nas actividades do Campus Crea, a Vicerreitoría do campus impulsou tamén recentemente un obradoiro práctico de cociña saudable e tradicional dirixido a achegar á comunidade universitaria pautas sobre nutrición e dietética á vez que consellos e receitas para elaborar pratos sinxelos e saudables. Desenvolvido coa colaboración do CIFP Carlos Oroza entre os meses de marzo e abril, este taller celebrou na tarde do pasado xoves a súa clausura, no que, coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e do director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, se procedeu á entrega de diplomas aos e ás participantes nun taller que foi impartido polos docentes do CIFP Carlos Oroza  Carlos Oroza Marta Abad, Ricardo Fernández, Daniel Pulzoni e Francisco Rodríguez.