DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entidade organiza este mes varias actividades de dinamización

Obradoiros e charlas para aprender... e para coñecer a asociación Auce

As iniciativas son abertas e de balde para todas as persoas interesadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Ourense 15/05/2019

A Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (Auce) organiza este mes de maio tres actividades diferentes que teñen como nexo común o feito de que pretenden por unha banda dinamizar a actividade estudantil no campus aproveitando os recursos propios da entidade e por outra dar a coñecer a asociación. Trátase de obradoiros de creación de camisetas con estampado tinxido e de elaboración de atrapa-sonos e unha charla coloquio sobre o xenocidio armenio.

A primeira das actividades será este mércores 15 de maio. O pavillón de estudantes acollerá ás 19.00 h un obradoiro de creación de camisetas coa técnica de estampado tinxido, coñecido como ‘tie dye’. Seguiralle o xoves 16, ás 20.00 h, un taller de creación de atrapa-sonos “que ao mesmo tempo serve de dinámica de concienciación sobre o acoso e o ciberacoso, en colaboración coa Asociación contra o Bullying e o Cyberbullying de Salamanca”, segundo explican desde a organización. Os obradoiros serán impartidos por membros de Auce xa que apuntan, esta programación quere  “ofrecer novos recursos tanto ás persoas que dan os obradoiros, que teñen a oportunidade de desenvolver actividades do seu interese, como ás que asisten a eles, que poden aprender”.

Por último, o día 22 de maio, a entidade organiza tamén pola tarde unha charla-coloquio titulada Historia e Dereitos Humanos que estará “centrada nun evento pouco estudado no noso país: o xenocidio armenio”. A charla contará coa participación da estudante de intercambio na Facultade de Dereito Gariné Morcecian, que segundo indican desde a organización é “descendente directa de refuxiados que conseguiron escapar do seu país e foron acollidos na Arxentina”.