DUVI

Diario da Universidade de Vigo

20 obras reúnense desde este xoves na Sala X e na sala de exposicións de Restauración

As obras finalistas do certame 'Plástika 18' exhíbense no campus

O 10 de maio coñecerase a peza gañadora desta iniciativa promovida por Apo´strophe

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/04/2019

Chegadas de múltiples puntos de Galicia, pero tamén desde outros puntos da xeografía española como Madrid, Barcelona ou Zaragoza, as 20 obras que foron seleccionadas finalistas na segunda edición do certame de arte Plástika, que promove á asociación Apo´strophe, reúnense deste este xoves na Sala X e na sala de exposicións da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Pintura, escultura, videoarte, gravado, fotografía ou instalación están representadas na selección realizada por un xurado integrado polos críticos Carlos L. Bernárdez e Elena Bangueses, a crítica e comisaria Paula Cabaleiro, o artista e alumno de doutoramento Thomas Apostolou e o artista Xulio Lago, que desde a tarde deste xoves e ata o de 10 de maio poderán contemplarse nestes dous espazos expositivos situados no acceso á Facultade de Belas Artes.

Nacida hai preto de seis anos en Vigo “en plena crise tanto no mundo da arte, como no mundo dos espazos expositivos”, Apo´strohpe iniciou a súa andaina no centro comercial Praza Elíptica de Vigo, “onde xurdiunos a oportunidade de poder ter alí unha sala de exposicións”, explica Sara Pérez Bello, responsable xunto con Álvaro Rodríguez, do espazo Apo´strophe.Arte, que manteñen a día de hoxe nesta superficie comercial. Deste entón, engade Pérez Bello, “fomos evolucionando e medrando e vimos que, ademais da falta de espazos expositivos, tamén estaría ben facer un certame, e a resposta foi impresionante”. Preto de 100 candidaturas, presentadas por artistas de diferentes países, concorreron de feito á segunda edición de Plástika, das que o xurado seleccionou os 20 proxectos finalistas que optarán ao premio que se dará a coñecer o propio 10 de maio na clausura desta mostra, e que consiste na organización en outubro dunha mostra individual no espazo que coordina esta asociación.

Visibidade ás novas xeracións

Varios ex-alumnos e ex-alumnas de Belas Artes forman parte dos 20 seleccionados e seleccionadas polo xurado dun certame do que a decana e coordinadora da Sala X, Silvia García, destaca tanto á súa contribución á “visibilizar o traballo dos novos artistas”, como que esta iniciativa “conte cun equipo de comisarios profesionais” para levar a cabo este labor de selección. “Á verdade é que é un certame un pouco heroico, que evidencia que non son moitas as oportunidades de expoñer para os artistas novos. En Galicia hai dous ou tres premios importantes, pero desapareceron os espazos intermedios, as residencias, non hai unha rede de galerías...”, subliña García que na tarde deste xoves participa na inauguración desta mostra xunto ao vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, os responsables de Apo´strophe e integrantes do xurado.

Un certame aberto a múltiples disciplinas

“Penso que é unha moi boa selección, son pezas con moita calidade”, salienta Pérez Bello da serie de obras que reúne unha exposición resultado dun certame aberto, explica, ás diferentes disciplinas artísticas vinculadas ao concepto de artes plásticas nun sentido amplo, “incluíndo por exemplo, videoarte, do que este ano se seleccionarion varias, ou performance, aínda que nesta edición non se presentou ningunha”.  Entre os seleccionados e seleccionadas figuran así mesmo alumnos e antigos alumnos da facultade, como é o caso do estudante de doutoramento David Fidalgo, gañador da primeira edición de Plástika, e seleccionado nesta ocasión pola súa animación Los dinosaurios nunca se extinguieron. A tamén alumna de doutoramento Andrea Torres, figura así mesmo, grazas unha instalación construída con cerámica entre as e os artistas representados nunha mostra que reúne tamén as creacións de ex-alumnos como Alexandra Rey, Ana Miguélez, Blanca Nieves Lourés, Esther Gandía, Rebeca Lar, Yatir ou Yoshimar Tello.

Os zaragozanos Fernando Clemente e Alba Lorente, as madrileñas Anna Domingo Enrich e Raquel Mora, a alacantina Miren Zarrabe, a canaria Pilar Boullosa, a barcelonesa Raquel Buster e os galegos Alberto Pena, Alfonso Vicente Rey, Ruth Lodeiro, Sonia García, completan a nómina de finalistas de Plástika 2018, representados tamén no catálogo da exposición, editado grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.