DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra está na sala principal da Biblioteca Rosalía de Castro

Obras gañadoras e seleccionadas do XVI Certame de Fotografía da Universidade expóñense no campus

Pode visitarse ata o 17 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 22/11/2019

Cada curso académico a Universidade de Vigo premia o talento dos membros da comunidade universitaria a través dos seus Concursos de Creación Artística. Entre eles está o Certame de Fotografía, que este ano chega á súa edición número dezaséis. O campus de Ourense, e máis concretamente a Biblioteca Rosalía de Castro, acolle desde o 18 de novembro e ata o 17 de decembro unha mostra coas obras premiadas e obras seleccionadas da edición de 2019.    

Organizada polas vicerreitorías de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e do Campus de Ourense, a mostra está instalada na sala principal da biblioteca, sendo visible para todas e todos os seus usuarios. Nunha das paredes están as obras correspondentes á categoría do certame de imaxe única. Entre elas, o público pode ver as dúas obras gañadoras e varias seleccionadas. O primeiro premio na categoría de imaxe única foi para Miguel Rodríguez, estudante do programa conxunto de Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática do campus, por Mirada furtiva, unha imaxe que o autor dedica ao seu irmán “por ser un exemplo de inspiración e aprendizaxe”. “Se miras ben esta foto podes ver a vida, porque sendo ave non podes voar, e aínda así voas”, explica Rodríguez, quen insiste na idea de que “ás veces non nos imaxinamos capaces de facer nada e, ao tempo, hai quen fai cousas que ninguén imaxina”. O segundo premio foi para De amor y vísceras, de Sara Justo.

Noutro dos muros están as obras correspondentes a serie fotográfica, tanto as obras premiadas como outras seleccionadas. Nesta modalidade recibiron premio Orlando, de Jenifer Fernández, e O taller de Sito, de Manuel Lucas. Inspirada na novela de Virginia Woolf que leva o mesmo nome, Orlando nace da investigación e desenvolvemento dunha serie de pezas no campo da moda. “Con estes personaxes buscaba representar a ruptura de dúas partes pertencentes a un todo e a reconciliación das mesmas”, explica a autora, estudante do Máster en Deseño e Dirección Creativa da Moda.