DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns presentouse a programación da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus

Unha oferta “ampla e variada” para que non falte na axenda a actividade física

Entre as opcións que teñen os membros da comunidade universitaria están 20 escolas deportivas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 16/09/2019

Instalacións deportivas, actividades dirixidas, equipos federados, rutas culturais, eventos deportivos... O curso 2019/2020 xa está en marcha e a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo ofrece no campus de Ourense unha programación “ampla e variada” para que os membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador, inclúa a actividade física nas súas rutinas.  

A presentación desta oferta deportiva tivo lugar este luns. No acto, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, lembrou como “un dos intereses e dos puntos nos que pon o aceno a Universidade” é a vida saudable e o deporte, salientando como cada curso académico a programación neste eido se vai actualizando e renovando para adaptarse ás demandas das e dos usuarios. “Animamos a toda a comunidade universitaria a participar nas diversas actividades programadas para este curso”, dixo a vicerreitora gabando a “oferta ampla e variada” que agora se inicia. Neste senso, Alfonso Mandado, director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, recalcou na presentación como esta programación “é produto de todos, produto das persoas que están á fronte da área en Ourense, das institucións que nos axudan a organizar todos este eventos, das persoas que traballan dentro das escolas e dos propios usuarios”. Alfonso Mandado destacou ademais como “estamos traballando en ir ampliando paso a paso esta oferta” “para que haxa unha maior participación”.

Desde escolas a andainas

Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, foi o encargado de explicar a programación deste curso académico. Antes de facelo fixo balance do curso pasado, indicando como “foi un curso moi exitoso desde o punto de vista da participación na actividade físico-deportiva”. Así, explicou como contaron con preto de mil abonados; que colaboraron con 50 entidades deportivas da cidade, desde clubs ata o Consello Municipal de Deportes, e que acadaron unha taxa de ocupación das instalacións de arredor do 50%. Tamén salientou no seu balance de 2018/2019 a organización de eventos propios e a colaboración noutros, como o Torneo Internacional de Xadrez ou o Campionato Galego de Orientación; a celebración do 20 aniversario das rutas culturais e os resultados acadados en competicións tanto internas como federadas ou universitarias. “Ademais de artellar o deporte universitario temos unha incidencia bastante importante no que é o deporte da cidade en xeral”, subliñou.  

Durante a súa intervención, o responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense animou aos membros da comunidade universitaria a achegarse ao pavillón deportivo para informarse das posibilidades que teñen tanto no uso de instalacións como en actividades, lembrando como segundo o colectivo de pertenza e os intereses hai diferentes abonos. Neste senso apuntou como do 16 ao 30 de setembro a área conta cunha xornada de portas abertas á comunidade universitaria para que poidan probar de balde a súa oferta. Entre as múltiples opcións para este cuadrimestre e para este curso académico, Rodrigo Alberte destacou como se ofertan 20 escolas deportivas, que abranguen desde adestramento personalizado ou zumba a ioga ou benestar integral, incorporando nesta edición como novidades escolas de adestramento de alta intensidade e artes marciais mixtas. Alén do uso das instalacións universitarias e da piscina AQA Ourense, o abano de opcións amplíase coa lista de centros deportivos colaboradores na programación, que nesta edición son o Pavillón dos Remedios, Dinamic Center, Marbel, Sabrosura, Saraiba, Ximnasio 2000, Bregma, Camino Pilates e Padel Prix.

Tamén recalcou Rodrigo Alberte como volverá este curso a programación de rutas culturais da Universidade, sendo nesta ocasión once as propostas que se desenvolverán ao longo de 2019/2020 e que levarán aos amantes das andainas a enclaves como As Médulas ou a facer unha etapa do Camiño dos Faros. Igualmente, indicou, “o campus volverá a contar cuns equipos federados que nos representan pola xeografía galega e incluso estatal”, como son os equipos de rugby, baloncesto, tenis e xadrez. O curso pasado, subliñou, obtiveron “moi bos resultados”, sobre todo en modalidades como rugby e baloncesto. “Este ano volvemos a ter estes equipos coas plantillas melloradas”, dixo, polo que amosou a súa confianza en repetir os éxitos acadados. Por último, entre os eventos deportivos destacados no calendario do campus de Ourense apuntou como en outubro a cidade acollerá a Gala do Deporte, a festa do deporte universitario que cada ano se fai nun campus da Universidade de Vigo e na que, indicou, agardan “xuntar non só ao deporte universitario senón ao deporte da provincia de Ourense”.

Arranque da liga de rugby

Precisamente este domingo arrancou para o primeiro equipo de rugby do campus de Ourense a competición. O Campus Universitario Ourense RC gañou 37-8 ao Uribealdea RBK no primeiro partido desta tempada na división de honra B do rugby estatal, disputado no campo Acea de Ama, na Coruña.