DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na proba, que se celebrou en maio de xeito virtual pola pandemia, participaron 12 institutos

A Olimpíada Galega de Historia entrega os seus premios aos estudantes gañadores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 10/07/2020

Conxuráronse para que a pandemia non os parase, e non os parou. As e os gañadores da III Olimpíada Galega de Historia fixeron este venres o que non puideron facer o pasado mes, cando se celebrou a proba: achegarse ao campus de Ourense. E é que aínda que a celebración tivo que ser virtual, a entrega de premios si puido ser xa presencial, un acto no que participou este venres o reitor da Universidade, Manuel Reigosa; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, e Fina Lage, coordinadora de Programas da Concellería de Educación do Concello de Ourense. Todos eles felicitaron aos estudantes do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña, centro que acadou o primeiro premio do certame.

Alex Álvarez, Eva Graña, Noelia Gutiérrez e Noa Varela foron os responsables de levar o primeiro premio para o seu colexio, tras medirse na final ao IES Santa Irene de Vigo, representado por Pedro Varela, Julia Fernández, Martín Zamora e Alba Costas, que recolleron o segundo premio. Os terceiro e o cuarto posto foron para o IES Otero Pedrayo de Ourense e o IES Illa de Ons de Bueu, respectivamente.

Susana Reboreda, decana da facultade, fai un balance positivo desta terceira edición do evento, a pesar de terse realizado en liña, o que provocou unhas cifras de participación inferiores a outros anos. “O reto era considerable, pero decidimos afrontalo co lema ‘a pandemia non nos para’. Utilizamos as ferramentas que a UVigo puxo a disposición da comunidade universitaria para continuar o curso. Hoxe, cando pechamos esta actividade entregando os premios ás e aos gañadores, considero un éxito rotundo a idea e a posta en marcha”.

En total, na proba que tivo lugar o pasado 29 de maio, participaron medio cento de estudantes de 12 centros de Educación Secundaria de distintos puntos de Galicia. A través da plataforma Kahoot, as e os estudantes competiron durante tres horas en diferentes rondas de pregunta-resposta sobre os contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º curso de Educación Secundaria.

Que personaxe da Historia es ti?

Por outra banda, a Facultade Historia está tamén organizando un concurso en Instagram a través do cal quere visibilizar a importancia dos estudos históricos. A idea é que as persoas que sexan seguidoras da conta da facultade nesta rede social publiquen unha IG Story empregando o filtro da Facultade de Historia Que personaxe da Historia es? etiquetando a conta @historiaourense e enviar un pantallazo por privado ao mesmo perfil. Entre todas as persoas participantes sortearanse, o día 13 deste mes, tres bolsas de tea coa imaxe actual da campaña “Fai Historia con Nós”.