DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Luis Antonio Velasco falou sobre este tema no campus

Unha ollada ao “acertado” réxime xurídico contra a publicidade denigrante sobre as mulleres

Nunha conferencia celebrada este venres na Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/04/2019

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres unha conferencia de Luis Antonio Velasco, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad de Valladolid, sobre  a publicidade denigrante para as mulleres. Na súa intervención analizou o marco xurídico da publicidade sexista apuntando como cada vez hai unha maior sensibilidade neste eido e como na actualidade “o estándar que temos en España é bastante elevado”.

A conferencia celebrouse dentro do Curso de Actualización Xurídica 2018/2019 que desenvolve o centro e que consiste na celebración de sete conferencias doutros tantos especialistas que permiten ao longo deste curso académico a alumnado e profesorado actualizar os seus coñecementos en diferentes áreas do dereito. No acto, o relator estivo acompañado polas profesoras do centro Francisca Fernández Prol, coordinadora do curso, e Ana María Tobío, catedrática de Universidade de Vigo na Área de Dereito Mercantil, estando tamén presente Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito de Ourense.

Durante a súa intervención, Luis Antonio Velasco explicou “o réxime xurídico da publicidade denigrante das mulleres no dereito español”, regulado segundo indicou no artigo 3 da Lei Xeral de Publicidade de 1991, no que hai unha prohibición xeral da publicidade vexatoria das mulleres, e desenvolvido posteriormente na Lei sobre Violencia de Xénero de 2004, onde se realiza unha tipificación máis concreta do que debe entenderse como publicidade denigrante da muller. Ao longo da súa intervención, presentou ao alumnado e profesorado da Facultade de Dereito asistente supostos de publicidade ilícita que atentan contra a dignidade da muller, sentencias xudiciais e resolucións do xurado da publicidade de Autocontrol, organismo independente de autorregulación da industria publicitaria en España, do que o propio Velasco foi vicepresidente.

Do evidente ao sutil

Segundo detallou o catedrático na súa intervención apoiándose en exemplos reais, “hai supostos moi groseiros de publicidade sexista que claramente son ilícitos e logo hai outros máis sutís sobre os que cada vez se vai tendo máis sensibilidade”. Neste segundo bloque apuntou como se ten en conta como “a publicidade contribúe a xerar estereotipos de xénero”. “Non é que estea prohibido que apareza unha muller facendo tarefas tradicionalmente asociadas ao xénero feminino. O que está prohibido é que se transmita unha mensaxe de submisión da muller ao home ou a mensaxe de que ese tipo de actividades unicamente son para a muller”, aclarou. Cando por exemplo se anuncia un produto de limpeza para o fogar no que só aparecen mulleres e se interpela directamente só ao xénero feminino, sinalou como “inaceptable non é que apareza a muller realizando este tipo de funcións, que corresponden por igual a homes e mulleres, senón que se transmita claramente a mensaxe que é unha actividade feminina, o cal obviamente non se pode tolerar”.

Sobre o marco xurídico existente neste eido apuntou Luis Antonio Velasco como o “estándar que temos en España é bastante elevado”. Tamén detallou o relator como “hai algún tipo de publicidade moi habitual noutros países, como Estados Unidos, que en España non sería admisible”. Neste senso lembrou como a publicidade en televisión está case toda voluntariamente sometida ao sistema de exame previo da publicidade de Autocontrol. “Ás veces hai algún tipo de publicidade sexista de tipo marxinal, como carteis de carreteira ou algunha cuña radiofónica, pero nos grandes medios de comunicación os casos que se dan son máis sutís”. En todo caso, indicou antes da súa conferencia, aínda que se dan casos de denuncias de publicidade sexista “outros quedan no debate puramente social”, condicionados en moitas ocasións polo feito de que a publicidade é “un produto moi efémero”.

Apuntando como na súa opinión o marco xurídico no referido á publicidade denigrante para a muller é na súa opinión “moi acertado”, o catedrático sinalou como se trata “dun marco bastante axeitado sobre todo porque se vai interpretando”. Así, explicou, “hai que ter en conta que para apreciar a mensaxe subxacente nun anuncio hai que ter en conta como o percibe unha ou un cidadán medio e esa sensibilidade vai cambiando”. Como exemplo Luis Antonio Velasco comentou como nos primeiro anos de actividade do xurado de Autocontrol houbo resolución que non consideraron publicidade ilícita anuncios que agora si se considerarían. “Cada vez hai unha maior sensibilidade co tema” afirmou, explicando como “na medida en que vai evolucionando a mentalidade da sociedade, a sociedade vai vendo cousas que hai 20 ou 25 anos pasaban totalmente desapercibida. Moita da publicidade dos primeiros anos da televisión hoxe serían inadmisibles. Afortunadamente a sociedade evolucionou moito”.