DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A raíz dun proxecto de innovación educativa, o centro conta cun perfil no plataforma Wikiloc

Opcións para facer sendeirismo coas recomendacións de Ciencias da Educación e do Deporte

O espazo reúne información sobre diferentes rutas xerada polo alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/12/2018

Con preto de catro millóns de usuarios en todo o mundo, a plataforma Wikiloc tense convertido nunha das ferramentas máis empregadas por aqueles e aquelas que queren realizar rutas de sendeirismo, unha práctica na que, como lembra o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Prieto, é determinante “unha adecuada planificación previa”. De aí o valor da información sobre as diferentes rutas que reúne este portal colaborativo, que se nutre das achegas dos usuarios e usuarias, o que, sinala este docente, contribúe a nutrir á plataforma “dun nutrido número de rutas”, mais tamén á que en ocasións estas non conten cunha información rigorosa ou suficiente. Xerar neste portal unha base de datos que reúna as principais rutas de sendeirismo de Galicia co propósito de que se converta “nun referente para os usuarios desta zona” foi o propósito principal que, a raíz dun proxecto de innovación educativa coordinado por Prieto Lage, levou a que esta facultade conte cun perfil propio nesta plataforma, que a día de hoxe reúne a información dunha trintena de rutas que recolleron alumnos e alumnas do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Froito dun proxecto de innovación educativa

Esta base de datos ten como punto de partida o proxecto Análise das principais rutas de sendeirismo galegas mediante a utilización de ferramentas tecnolóxicas: unha wiki colaborativa, seleccionado na convocatoria de iniciativas de innovación educativa promovido pola facultade o pasado curso. Coordinado por Prieto, o proxecto no que tamén participaron os profesores Alfonso Gutiérrez, Carlos Ayán, Ana Rey, Diego Alonso e Fernando Zarzosa tiña como propósito que o alumnado da materia Actividades físicas e de aventura no medio natural realizase unha análise das rutas de sendeirismo máis relevantes de Galicia seguindo unha serie de directrices que contribuísen a dotar á información recollida dunha “compoñente científica na súa análise interna e externa”. Así, esta análise debía recoller tanto unha descrición e fotografías da rutas como unha xeolocalización dos seus principais puntos de interese, xunto con información sobre o grao de dificultade e desnivel do terreo, distancia, percepción de fatiga ou esixencia física para o usuario, realizadas seguindo o sistema Mide, que “unifica as apreciacións sobre a dificultade das rutas”. 

Divididos por parellas, máis de 100 estudantes participaron  nunha iniciativa dirixida a que o alumnado adquirise as competencias sobre planificación de actividades físico-deportivas recreativas, identificación dos riscos para a saúde da práctica de actividades físicas inadecuadas e sobre o uso de Wikiloc como ferramenta de rexistro e seguimento de actividades no medio natural. Iniciativa que deu lugar á incorporación dunha serie de rutas á base de datos, das que o equipo de docentes encargado do proxecto realizou nas últimas semanas un proceso de selección e revisión do que saíron as preto de 30 rutas que actualmente integran este perfil, do que forman parte tanto percorridos por diferentes municipios da provincia, como Pontevedra, Vigo, Bueu, Cangas, ou Nigrán, como outras radicadas en Ourense e A Coruña ou mesmo dúas rutas situadas en Ampuero (Cantabria) e Larraul (Guipúscoa). 

Un proxecto a longo prazo

“Non nos interesaba tanto a cantidade como a calidade”, salienta Prieto dunha iniciativa “a longo prazo” á que darán continuidade coa realización de novo deste exercicio no presente curso. “A nosa idea é que se manteña ao longo dos anos, este curso repetiremos a experiencia, pero excluíndo as rutas que consideramos que xa están ben recollidas”, explica dunha iniciativa que busca “crear unha marca de calidade” nesta plataforma colaborativa, que reúne máis de dez millóns de rutas, de tal xeito que os contidos incluídos no perfil da facultade permitan “planificar excursións dunha maneira sistematizada, sabendo que a ruta está ben definida e rexistrada”.