DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con concentracións contra a creación da institución privada que promove Abanca

Os campus únense na defensa dunha universidade “pública e galega”

Os tres reitores galegos emitiron un comunicado no que demanda máis apoio para o SUG

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 11/02/2020

A comunidade universitaria da UVigo uniuse este martes ás concentracións simultáneas celebradas nos sete campus galegos en defensa do sistema universitario público galego e contra a creación da primeira universidade privada en Galicia. A protesta foi convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública conformada polas organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT e das estudantís Erguer, Anega, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes. Tamén os tres reitores galegos manifestaron publicamente o apoio a estas demandas a través dun comunicado conxunto no que sosteñen que “non existe a necesidade  de novas universidades en Galicia” e demandan máis apoio para o Sistema Universitario Galego.

A UVigo, contra a creación dunha universidade privada

No campus de Vigo estudantes, docentes e persoal de administración e servizos déronse cita ante a Reitoría xunto con representantes sindicais e políticos, como o deputado do BNG Luis Bará. Un grupo de alumnas e alumnos foros os encargados de ler un manifesto no que denuncian que “a decisión de mercantilizar un ben universal de repercusión social como é a educación é unha manifestación contra a igualdade de oportunidades, porque aceptar unha universidade privada é aceptar a venda de títulos universitarios atendendo á capacidade económica e non aos méritos e capacidades de cadaquén”.

Tamén demandaron á Xunta de Galicia un financiamento “digno e razoábel” para as tres universidades públicas, “aspirando a taxas de inversión acordes con países desenvolvidos e que permitan ás universidades desenvolver a súa misión con mínimas garantías e sen precariedade”. Neste sentido, fixeron fincapé en que “unha administración autonómica non pode deixar de protexer o sistema público de educación, permitindo unha universidade privada que carece dun mínimo índice de calidade, o que vén significar un castigo a un sistema público que si acreditala posuílo”. 

Tamén os campus de Ourense e Pontevedra acolleron concentracións dos membros da comunidade universitaria con representación da clase política co obxectivo común manifestar ao seu rexeitamento á creación da primeira universidade privada en Galicia e de defender o ensino superior público.

Texto completo do manifesto 

Comunicado dos tres reitores en defensa da Universidade Pública

Os reitores das tres universidades públicas emitiron tamén este martes un comunicado conxunto en defensa do Sistema Universitario de Galicia. No texto, asinado por Manuel Reigosa, reitor de Vigo; Julio Abalde, reitor da Coruña e Antonio López, reitor de Santiago de Compostela, reafírmanse en que “non existe a necesidade de novas universidades en Galicia” e agradecen á Plataforma pola Defensa da Universidade Pública “o seu compromiso e apoio”. Explican no texto que non lles asusta "competir coa iniciativa privada”, pero si lles preocupa que a competencia sexa “desigual” e non se traballe coas mesmas condicións nin se establezan resultados comparables.

Lembran que as prazas ofertadas polas tres institucións galegas “permiten á cidadanía estudar practicamente calquera titulación de grao que desexen” e o mapa de titulación atende ás demandas sociais de formación, axustando de continuo as titulacións de grao e de mestrado e mantendo ademais os prezos públicos máis baixos de España. Fronte á iniciativa privada, os reitores pensan “que os esforzos dos cidadáns, a través dos seus impostos, deben ir encamiñados a fortalecer o actual sistema universitario público. Pensamos que entre todos temos construído un sistema forte, competitivo e ben artellado, e aspiramos a melloralo aínda máis facendo que sexa eficiente, eficaz e sostible economicamente. Para iso precisamos urxentemente dun novo sistema de financiamento que proporcione autonomía, suficiencia e estabilidade financeira e que permita afrontar efectivamente os custos estruturais así como financiamento polos resultados obtidos polas nosas institucións”.

Texto completo do comunicado dos tres reitores galegos

Un sistema educativo inserido na realidade nacional 

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública sostén que os sete campus galegos “ofrecen unha cobertura formativa a todo o territorio, adaptándose ás necesidades sociais e laborais que se precisan, ampliando a súa oferta educativa e reorganizando aqueles aspectos cando é necesario”. Neste sentido recalcan que a Xunta de Galicia, “en vez de posibilitar a oferta de novas titulacións nas universidades públicas, permítelle ofrecelas á privada, ou disfrazar con outro nome titulacións xa impartidas actualmente”. Consideran, polo tanto, que a creación desta universidade privada terá un impacto negativo nas institucións educativas públicas, “que xa teñen dificultades polo descenso de alumnado nos últimos anos” e tamén remarcan que na proposta da Universidad Intercontinental de la Empresa “o idioma galego non existe por ningures”, a pesares de que así co recolle o artigo 2 da Lei 6/2013, de 13 de Xuño, do Sistema universitario de Galicia. 

Por todo isto, o seu manifesto conclúe afirmando que “unha Universidade privada sería nefasta para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e, evidentemente, para a poboación, xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego”.