DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta primeira xuntanza centrouse no sector da alimentación

Os I Encontros Universidade-Empresa estréanse coa participación de 20 compañías, dous centros tecnolóxicos e 40 grupos de I+D da UVigo

Participaron, entre outras, o grupo Nova Pescanova, as adegas Martín Códax, Hijos de Rivera, grupo J

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
D. Besadío DUVI 05/04/2019

Grupo Nova Pescanova, Adegas Martín Códax, Marfrío, Hijos de Rivera (Estrella Galicia), grupo Jealsa, grupo Capsa (Larsa), Aguas de Rodas, Clusaga, Moradiña, Galifresh... Estes son só algúns exemplos das máis de vinte compañías que este venres se achegaron ao campus de Vigo para participar nos I Encontros Universidade-Empresa, unha iniciativa posta en marcha pola Vicerreitoría de Transferencia “para promover o acercamento cara a sociedade” da investigación que se fai nos laboratorios universitarios e coa que se pretende presentar aos grupos de investigación non como “empresas de servizo”, senón como “socios colaboradores para axudalas nos seus proxectos de innovación e desenvolvemento”, tal e como destacou a vicerreitora Mª Consuelo Pérez, na apertura destes encontros, centrados nesta ocasión no sector da alimentación, e que se celebraron na sala 1 do edificio Miralles.

Xunto ás empresas, os outros grandes protagonistas da xornada foron as investigadoras e investigadores da UVigo. Neste sentido, participaron no encontro representantes de 40 grupos de I+D+i dos tres campus, pertencentes sobre todo ao sector agroalimentario, pero tamén do mundo da economía, a enxeñaría ou a comunicación, e a eles sumáronse especialistas de dous centros tecnolóxicos (Anfaco e Ainia), así como de varias consultoras e de Feuga (Fundación Empresa-Universidade Galega).

Achegándose ás necesidades, problemas e retos das empresas

Saíndose dun formato clásico e “de cara a facilitar un contacto máis directo entre os investigadores e as empresas”, o encontro organizouse en base a seis mesas de traballo rotativas, nas que o persoal técnico da Oficina de I+D da Universidade de Vigo actuou como moderador e dinamizador, dándolle así a oportunidade aos investigadores/as de dar a coñecer as súas principais liñas de traballo e ás empresas de expor as súas necesidades, problemas e retos. “Trátase de crear un ambiente cómodo de traballo para que os interlocutores deste encontro teñan a posibilidade de coñecerse, intercambiar información e asentar as bases para futuras colaboracións”, subliñou a vicerreitora, que estivo acompañada na presentación da xornada pola directora da Oficina de I+D, Ángeles López; a directora da Área de Transferencia, Itziar Goicoechea, e Ángeles Manzanares, da Fundación Universidade de Vigo, que foi a encargada de introducir brevemente o tema das prácticas do estudantado e de informar ao empresariado da posibilidade de presentar ofertas de emprego de perfil universitario xestionadas pola Área de Emprego da propia Universidade de Vigo.

Aproveitamento de residuos agroindustriais para a obtención de distintos aditivos químicos e/ou alimentarios; elaboración de envases activos que melloren a conservación de produtos alimentarios perecedoiros; asistencia financeira, contable e estatística; plans económicos financeiros e de viabilidade; peritaxe financeira xudicial; asesoramento a nivel comunicativo (elaboración de plans de comunicación e/ou crise...) son só algúns dos servizos que se puxeron encima da mesa por parte dos grupo de I+D universitarios e que espertaron o interese das compañías alimentarias.

1700 investigadores/as divididos en 185 grupos

“Pensamos que as universidades e, máis concretamente a nosa,  poden ser un punto tractor en algunhas iniciativas e, ao mesmo tempo, ser o mellor aliado nese percorrido cara á innovación por parte da empresa”, subliñou na súa intervención a directora da oficina de I+D, Ángeles López, que foi a encargada de presentarlles aos representantes empresariais todo o que ofrece a institución académica viguesa para acompañar ás empresas nese camiño cara a innovación. “Somos talento, sobre todo, tanto o que sae das nosas aulas como o persoal investigador”, recalcou López, ao tempo que apuntou que na Universidade de Vigo traballan 1700 investigadores/as divididos en 185 grupos e que contan para realizar o seu labor con diferentes tipos de infraestruturas. Co respaldo de todo este capital humano e técnico detrás, a UVigo conseguiu en 2017 –os datos de 2018 aínda non están pechados- un retorno de proxectos colaborativos de arredor de 25 millóns de euros, dos cales, segundo informou a directora da oficina de I+D,  cinco se corresponden a proxectos de colaboración con empresas.

A xornada incluíu tamén a presentación da denominada Business Factory Food, a aceleradora galega do sector da alimentación, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Foi nunha mesa redonda presentada pola vicerreitora e que contou coa participación de Javier Álvarez (BFF), Juan A. Vázquez Gancedo (presidente de Clusaga) e Juan Feijoo (Igape).

A seguinte cita destes encontros será no mes de maio

Segundo adiantou a vicerreitora de Transferencia, Mª Consuelo Pérez, a seguinte cita destes encontros celebrarase o vindeiro mes de maio. “A nosa idea é comezar a organizar esta segunda xuntanza xa a partir do vindeiro luns”, salientou Pérez, quen adiantou que se centrará no sector naval e a automoción. “Primeiro imos palpar a resposta das empresas e, segundo isto, decidiremos se ambos sectores van xuntos ou se organiza un encontro específico para cada un deles”, recalcou a principal responsable da Transferencia na UVigo.