DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola converteuse este venres nun grande escaparate da tecnoloxía máis punteira

Os LPRO Days sacan a relucir os traballos máis innovadores do alumnado da EE de Telecomunicación

Son 16 proxectos con temáticas centradas no mundo da saúde, a seguridade ou as comunicación móbiles

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 26/04/2019

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación converteuse este venres nun grande escaparate tecnolóxico coa celebración dos LPRO Days 2019, unha iniciativa que naceu hai xa uns anos para presentar os traballos feitos polo alumnado do último curso no marco da materia Laboratorio de proxectos. Nesta ocasión presentáronse un total de 16 traballos realizados por 76 alumnos e alumnas e titorizados por unha vintena de docentes. “Son 16 exemplos de traballos orixinais e multidisciplinares que estou seguro espertaron o interese de todas as persoas que ao longo de todo o día están a visitar a escola”, explica Manuel Caeiro, o docente que coordina a iniciativa e que destaca tamén o interese que está a espertar este evento entre as empresas, “este ano asisten máis de vinte firmas que ven esta posibilidade como un bo xeito de acercarse ás novas xeracións de profesionais que están a piques de saír ao mercado”.

Como si se tratase dunha feira tecnolóxica profesional, cada equipo contou cun expositor propio no que explicar aos asistentes as principais características e innovacións dos seus proxectos, experimentar cos prototipos ou, simplemente, intercambiar ideas sobre os resultados e experiencias que foron xurdindo ao longo de todo o desenvolvemento do proxecto. Como cada edición a variedade temática das propostas foi a gran protagonista, se ben a maior parte xiran en torno ao mundo da saúde, a seguridade e as comunicacións móbiles.

Sensores biométricos para tratar fobias

Entre os múltiples exemplos das ideas desenvoltas centradas no ámbito sanitario destacan o proxecto Pill O’clock, un estoxo de pastillas electrónico conectado a unha aplicación e a unha pulseira para facilitar a toma de medicación a persoas polimedicadas e o seguimento e a xestión aos seus coidadores/as. “Trátase dun estoxo físico con compartimentos que identifican exactamente o que corresponde a cada toma, con alarmas para lembrarlle ao usuario a que hora a ten que tomar, e notificacións na aplicación do coidador sobre cantos medicamentos quedan, se fai falla comprar algún, se se esqueceu de tomar algunha toma...”, explica unha das autoras. No caso do proxecto InLobe propón a monitorización dos niveis de glicosa en pacientes de forma non invasiva utilizando un dispositivo sen fíos e, ePhobia formula un escenario de realidade virtual con teléfonos intelixentes e uso de sensores biométricos para facilitar o desenvolvemento de tratamentos ante fobias.

Desde o equipo Move&Express crearon un sistema para axudar a persoas con mobilidade reducida a interactuar con medios artísticos. “A partir do sinal recibido do movemento dun dedal cun acelerómetro o sistema aprende os movementos personalizados do usuario”, explican os autores e Sleep Plug, propón o desenvolvemento dun berce con sensores que detecta o estado e movementos dun bebé.

Múltiples ideas para mellorar a seguridade viaria

E, xunto á saúde, a seguridade é o outro eixe temático principal das propostas. No caso de beCAReful, o equipo propón un sistema automático para a detección de seres vivos en vehículos (bebes, mascotas) e notificación a dispositivos móbiles. “Está comprobado que a temperatura corporal dun neno aumenta unhas cinco veces máis ca dun adulto, de aí a perigosidade de que un cativo poida quedar dentro dun coche nun día de verán”, explica un dos autores, que fai fincapé en que o sistema deseñado “se podería instalar en calquera vehículo, independentemente da súa antigüidade, e tería un baixo custe”. Os puntos básicos serían a detección do perigo, a primeira toma urxente de medidas (baixada das ventás, e apertura de portas) e o aviso aos propietarios e servizos de emerxencias.

Noutros expositores as alumnas e alumnos defendían os proxectos: Miracosta, un sistema de vixilancia para a detección de persoas en risco de afogamento nas praias baseado no procesamento de imaxes; SecureDrive, baseado no desenvolvemento de aplicacións utilizando o sistema SDL que permite a comunicación entre vehículos e móbiles Android; SafeTrip, un sistema de comunicación entre condutores/as e a Dirección Xeral de Tráfico e SaveTheFactory, unha central de monitorización con fins de control de seguridade deseñada especificamente para contornas industriais.

Do SmartGarden ao unha nova app que facilita a aprendizaxe musical 

Desde o ámbito educativo os autores de TeaTouch propoñen un sistema de ensino de linguaxe braille enfocado na inclusión e Auditore propón unha nova aplicación para facilitar a aprendizaxe musical con partituras, mentres que Cormoran vai dirixido a empregar boias meteorolóxicas para uso didáctico.

Pensada para o campus vVgo propón un sistema de mobilidade baseado no uso de patíns eléctricos; SmartGarden, unha rede de sensores para xardíns que axuden a mellorar o seu mantemento e supervisión e Larry, un sistema de automatización dun vehículo para o transporte de materiais e paquetes en contornas industriais.