DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa 8ª edición seleccionaranse un máximo de 11 proxectos 

Os premios Incuvi-Emprende regresan para fomentar o espírito emprendedor do alumnado e persoas tituladas 

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 18 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 11/10/2019

Un programa de preincubación dun ano de duración para os mellores proxectos emprendedores é o galardón que recibirán as e os gañadores da 8ª edición do premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo. Ata o 18 de outubro poderán presentarse as solicitudes para concorrer ao concurso de ideas que proporcionará aos proxectos emprendedores gañadores programas de incubación, que incluirán accións formativas e de mentorización, conducentes á elaboración dun plan de empresa.
O número máximo de proxectos seleccionados por campus será de seis no caso de Vigo; tres no de Ourense e dous no de Pontevedra. Alumnado matriculado na Universidade de Vigo en estudo de grao e mestrado no curso 2019/2020 e persoas tituladas en estudos oficiais da universidade no curso 2016/2017 e posteriores poderán presentar os seus proxectos, que estarán elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas e que deberán estar relacionados con algunha das ramas de coñecemento das titulacións oficiais: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura. 

Fomento do espírito emprendedor 

Como en anos anteriores, a oitava edición dos premios Incuvi-Emprenden ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado e as persoas recentemente tituladas pola Universidade de Vigo, que para concorrer a este galardón deberán cubrir un formulario online. As persoas responsables dos proxectos preseleccionados deberán asistir a un obradoiro presencial teórico-práctico orientado ao desenvolvemento do modelo de negocio das súas ideas, así como a preparación dunha presentación dos proxectos ante a comisión de selección, que valorará entre outros aspectos, o nivel de desenvolvemento e viabilidade cun 20%, o carácter innovador do proxecto cun 15% ou a sustentabilidade do proxecto deseñado, tamén cun 15%.

Os proxectos gañadores, aos que a Universidade destina un máximo de 12.000 euros, desenvolveranse en Cidade Universitaria, no campus de Vigo; na Tecnópole en Ourense e na Asociación de Empresarios Mediana y Pequeña Empresa en Pontevedra.