DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Teatro Principal acolle a estrea das curtas xurdidas nun taller impartido por Jaione Camborda

Os retratos audiovisuais do alumnado do campus levantan o pano de Novos Cinemas

O festival celebra na tarde de martes a súa xornada inaugural    

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/12/2019

Retratos audiovisuais que achegan ao espectador ao labor dun xastre e dun boxeador ou que reflexionan sobre a noite ou sobre a idea de fogar. Dez curtametraxes, realizadas por once alumnas e alumnos do campus estreáronse na tarde deste martes no Teatro Principal, no que foi o primeiro acto da cuarta edición do festival Novos Cinemas. Todas elas son o resultado de Habitar o rostro / O xesto dun encontro, un taller impartido pola cineasta Jaione Camborda, quen ao longo dos últimos meses guiou a este grupo de estudantes nun proceso de reflexión e creación en torno á idea do retrato. O propósito deste taller, coorganizado e financiado pola Vicerreitoría do campus e inserido no programa formativo do festival, era, como explicou Camborda, que as e os participantes se cuestionasen por que elixen retratar unha determinada persoa ou realidade e establecesen "un diálogo co que filman”. Os resultados finais presentáronse nun acto que contou coa participación dos seus autores e autoras, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e desta cineasta, protagonista tamén, coa súa primeira longametraxe, Arima, da proxección inaugural do festival. 

Persoas, lugares e conceptos

Alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes, Ana Pérez Valdés, presentou El Sastre. Suitman, unha peza documental que centrou en Fernando González, “alguén que decidiu dedicarse a un oficio en extinción construíndo a súa empresa desde cero” e coa que trata de mostrar “como o mundo da moda se adapta aos novos tempos”. O boxeador e profesor desta disciplina David Burgos é o protagonista de Echar raíces, a curta de Daniel Arana. “Desde a observación trato de amosar o concepto de boxeo que propón David, que o define como un deporte lúdico, para todo tipo de persoas, distanciado dos estereotipos que se soen ter deste como algo violento e agresivo”, relata este graduado en Comunicación Audiovisual. Alumna desta titulación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Sabela Souto dedicou o seu retrato a Manola das Cañas, “unha muller de 85 anos que leva 42 facendo cañas fritas”, mentres que as irmás e estudantes de Belas Artes Noa e Lara Castro partiron do traballo como repartidor de seu pai para elaborar conxuntamente “un retrato da noite e de quen a percorre” en As horas cegas

Máis aló de persoas concretas, do taller xurdiron propostas como Retrato de un hogar, a curta na que o titulado en Belas Artes Yuri Salgado que reflexiona sobre “o verdadeiro concepto e significado do fogar”. Outras creacións, como Rubí, de Raquel Álvarez, buscaban trazar “o retrato dunha amizade e os seus atributos relacionados coa intimidade e a complicidade”, derivando, explica, nunha peza que mostra “un ambiente case onírico ligado á protagonista”. A estas propostas súmanse pezas como Elecciones generales, que a titulada en Comunicación Audiovisual Noemi Parga presenta como “documental ensaístico que transita entre unha sátira case burlesca sobre a sociedade española e a súa situación política, para logo cambiar o ton cara un xesto existencial, máis humano e individualista”; ou como Contrapunto, na que Mercedes Valero, reflexiona sobre “os canons de beleza actuais” para pór de relevo “que hai belezas que nos enchen de emocións e misterio”. Xunto a estas creacións, tamén se estrearon nesta xornada as curtas Fragmentos_otoño de Roberto Alonso, e Quen da a última?, de Andrea Piñeiro.

Un espazo para a reflexión e a cooperación

Dando continuidade aos talleres impartidos, en anteriores edicións do festival, por Lois Patiño, Oliver Laxe e Eloy Enciso, este obradoiro supuxo unha oportunidade para formularse “novos desafíos á hora de coller unha cámara” e saír “do que cada un estaba acostumado a facer”, como salienta Salgado. Nese mesmo senso, Noa e Lara Castro destacan esta actividade como un “empurrón para a nosa creatividade e para a visibilidade do noso traballo”, mentres que Raquel Álvarez pon o acento nos consellos de Camborda e Arana incide en como esta directora lles levou a reflexionar sobre “como nos relacionamos cos demais desde un punto de vista artístico e do que implica a honestidade cando se trata de retratar unha realidade”. Pola súa banda Souto destaca o positivo de “compartir os proxectos e a súa evolución desde o minuto un”, xa que, engade Parga, “pese a facer pezas independentes, terminamos sendo un equipo, opinamos e axudámonos”.

Actividades formativas e encontros con profesionais

Xunto cos 14 filmes que se presentan nas dúas seccións competitivas do festival, a programación de Novos Cinemas complétase con actividades formativas e encontros con profesionais. Entre elas, o obradoiro sobre dirección de fotografía en cine que, nas tardes do mércores e xoves, impartirá en Belas Artes Santiago Racaj, quen ao longo da súa extensa traxectoria traballou como director de fotografía de cineastas como Javier Rebollo, Jonás Trueba ou Carlos Bermúdez. Na programación do festival figuran tamén unha mesa de presentación de programas de apoio a cineastas noveis, un coloquio con responsables de diferentes festivais ou un encontro aberto cos cineastas Helena Girón e Samuel Delgado.