DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un alumno de Aeroespacial realizou unha estadía en Xapón con este obxectivo

De Ourense a Sendai para investigar sobre estruturas espaciais

O estudo plasmarase no seu traballo fin de grao

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 13/03/2020

Este ano a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense graduará a súa primeira promoción e polo tanto xa ten alumnado realizando os que serán os primeiros traballos fin de grao do centro. Entre eles, o estudante de cuarto curso desta escola Raúl Quibén escolleu, como destino para unha estadía de intercambio e para realizar un proxecto de investigación sobre estruturas espaciais de cara a este traballo, a Universidade de Tohoku, na cidade de Sendai, en Xapón.

“Buscando o ano pasado unha oportunidade para realizar unha estadía de intercambio internacional xurdiu dentro do Programa Ge4, de intercambio internacional para enxeñeiros, a oportunidade de realizar un cuadrimestre na Universidade de Tohoku. Nin o estaba a buscar nin era ningunha preferencia, simplemente apareceu por sorpresa entre toda as solicitudes que fixera”, comenta o estudante do Grao en Aeroespacial. Dado que “tiña moi claro que realmente quería facer un intercambio” e despois de informarse e “darlle moitas voltas”, apunta como decidiu “probar sorte co programa que propoñía a universidade nipoa”. A decisión, indica, tomouna “como un reto e apostando por vivir un contraste cultural máis forte, algo único e pouco habitual, atractivo tanto para a miña vida persoal como a profesional futura”. Ademais, engade, academicamente o feito de realizar un proxecto dentro dun laboratorio “dunha universidade de tal importancia e coas referencias que tiña dela, fixeron decantarme”.

A estadía desenvolveuse na cidade de Sendai desde outubro ata a mediados de febreiro. Sendai, detalla Raúl Quibén, atópase no norte na illa principal de Xapón, conta cun millón de habitantes e é unha cidade “tremendamente limpa e coidada”, cun nivel de vida “asequible” en comparación co resto do país. Tamén, engade, “é un dos sitios máis damnificados polo terremoto de 2011”.  

Da teoría á práctica

Para o traballo de investigación, apunta o estudante do campus de Ourense, “entrei de maneira totalmente fortuíta no laboratorio do profesor Kanjuro Makihara, dedicado a un dos meus grandes intereses, as estruturas espaciais”. Sorprendido pola estrutura de laboratorios da universidade nipoa, Quibén indica como “o meu proxecto foi sobre a supresión semi-activa de vibracións con piezoeléctrico para estruturas espaciais, o tema de investigación estrela do laboratorio no que estiven”. Esta tecnoloxía, detalla, ofrece a posibilidade de conseguir unha supresión e estabilidades efectivas con pouco custo enerxético e de peso. “A maior parte do meu traballo dedicouse a estudar a complicada teoría durante os primeiros meses para despois realizar as probas no laboratorio, comparando os distintos casos e respostas e analizando os datos”, explica o alumnos universitario.

“Ao incluír o programa este proxecto con similares obxectivos e cargas de traballo, a convalidación co traballo fin de grao foi practicamente perfecta”, indica Raúl Quibén. Ademais do proxecto de investigación, o alumno cursou cinco materias dentro do Grado de Enxeñaría Aeroespacial que a universidade nipoa oferta en inglés tanto para estudantes internacionais como locais, e un curso de xaponés que tiñan para estranxeiros, “véndoo como unha oportunidade única e sempre útil de aprender un idioma do que non sabía palabra”. Aínda que sen case tempo libre polas diferentes actividades realizadas, Raúl Quibén recalcan como esta estadía “foi unha experiencia realmente sorprendente en todo os ámbitos”, salientando “a posibilidade de conectar con xente de todo o mundo na vida cotiá” e a oportunidade no eido científico de “compartir e expoñer as nosas culturas e traballos académicos”. Por último, o estudante agradece a colaboración das universidades tanto de Vigo como de Tohoku por toda a colaboración prestada para o bo desenvolvemento da súa estadía.