DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase o sábado 18 de maio a partir das 18.00 h

O Ourense Termal Athletics Meeting contará coa participación de 200 deportistas

A cita terá lugar nas pistas de atletismo do campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 16/05/2019

As pistas de atletismo do campus de Ourense acollerán este sábado, 18 de maio, a partir das 18.00 h, a celebración da quinta edición do Ourense Termal Athletics Meeting. A cita, incluída no calendario oficial nacional da Real Federación Española de Atletismo, contará coa participación de 200 deportistas e con ela arrancará a programación de atletismo ao aire libre.

A presentación da competición tivo lugar este xoves no Pazo Provincial coa participación de Ana María Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Mario Guede, concelleiro de Deportes de Ourense; Isidoro Hornillos e Ángel Fidalgo, respectivamente presidente e delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo; Manuel Pérez, en representación do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, e Eladio Gómez, coordinador xeral do Ourense Termal Athletics Meeting.

Durante o acto, Ana María Torrado salientou como a participación da Universidade nesta iniciativa forma parte “do compromiso permanente coa promoción do deporte” da institución académica. A directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración fixo fincapé en como a cita non só é unha oportunidade para as e os deportistas que nela participan senón tamén para o público, xa que lles permite vivir en directo “a paixón por este deporte”. Pola súa banda, Rosendo Fernández salientou como o certame é posible grazas á cooperación entre as institucións e como pretende contribuír a difundir, a través do deporte, a imaxe de Ourense termal.

Mellorar marca

Agradecendo a “aposta polo deporte e por converter a Ourense nun referente nacional e internacional” das institucións implicadas, Eladio Gómez, lembrou como o Ourense Termal Athletics Meeting é o encontro de atletismo máis importante do noroeste peninsular e se atopa entre as 12 mellores probas de atletismo en pista ao aire libre de todas as que se celebran cada tempada en España, segundo a clasificación elaborada pola Real Federación Española de Atletismo. A cita, apuntou, será unha das que esta fin de semana abran o circuíto nacional de probas en pistas ao aire libre.

Agardando que o bo tempo sexa favorable á competición, o coordinador xeral do Ourense Termal Athletics Meeting salientou na presentación desta edición como se "deseñou, para esta competición, un programa atlético de carreiras, aproveitando unha das pistas máis rápidas de Galicia”. No encontro, indicou, participarán máis de 200 atletas, principalmente de España e Portugal, e algúns deles de nivel internacional e con gran proxección. Entre as probas indicou como unha das máis destacadas será a de 1500 metros. As e os atletas das diferentes categorías e países, comentou, achegaranse ás pistas de atletismo do campus de Ourense co obxectivo de aproveitar as boas condicións que ofrecen estas instalacións para mellorar marca.