DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Coro do Campus protagonizou unha actuación en Ciencias da Educación e do Deporte

Panxoliñas na entrada á facultade

25 persoas integran a agrupación que dirixe Marco Lucato

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/12/2019

Ás nove da mañá deste mércores, o alumnado, profesorado e persoal que accedía á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte era recibido a ritmo de panxoliña. O Coro do Campus de Pontevedra protagonizou esta mañá unha pequena actuación no recibidor deste centro, na que interpretou unha serie de panxoliñas de diferentes estilos. “Máis que un concerto, tratábase simplemente dunha entrada musical” destas datas previas ao Nadal, dirixida a pór en valor “que a música é importante para reunir ás persoas”, sinala o director do coro e profesor da facultade, Marco Lucato, dunha actuación na que “intercalamos pezas máis melódicas con outras máis rítmicas” e na que houbo espazo tanto para panxoliñas en galego como para o Jingle Bell Rock

Tratábase ademais da primeira actuación no presente curso dun coro formado actualmente por 25 persoas, “na súa meirande parte alumnado do Programa de Maiores, aínda que tamén contamos coa colaboración dalgunha estudante e ex-alumna da facultade”, explica Lucato. Nacida no ano 2014, a formación conta no presente curso “con moitos novos membros”, como recoñece Lucato, que incide en que tralo traballo de preparación dun repertorio levado a cabo nestes meses, os seus obxectivos para o segundo cuadrimestre pasan por “intentar darnos a coñecer un pouco fóra de aquí” a través da participación en intercambios ou encontros de corais.