DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de tres anos de desenvolvemento remata o proxecto estatal Pronorm

Un paso máis na busca do equilibrio entre a norma xeral e a súa aplicación práctica

O catedrático Pablo Raúl Bonorino foi o seu coordinador

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Investigación
DUVI Ourense 14/02/2020

Despois de tres anos de actividade, o Proxecto Pronorm, dirixido polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Raúl Bonorino, chegou ao seu fin e fíxoo facendo un balance positivo do seu desenvolvemento. Nel especialistas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, León e diversas institucións académicas de Brasil e Arxentina reflexionaron sobre como están influíndo os conflitos de dereito no proceso de construción de novas normas xurídicas xerais e sobre as friccións que xera no dereito desafíos como o tratamento da igualdade de xénero, do cambio climático, do castigo ou da mercantilización.

O estudo, titulado Conflitos de dereitos e produción normativa, estivo financiado pola convocatoria Retos da Sociedade 2016 do Ministerio de Economía e Competitividade. Pablo Raúl Bonorino foi o investigador principal dun traballo no que tamén participaron investigadores estatais e internacionais como María Concepción Gimeno, Guillermo Suárez, Joaquín Rodríguez-Toubes, Manuel Segura, Sonia Esperanza Rodríguez, Mario Alberto Portela, Thomas da Rosa de Bustamante, Joao da Cruz Gonçalves Neto e Martín Bohmer. A iniciativa, indica o seu responsable, enmarcouse á súa vez nun proxecto coordinado que uniu a grupos de investigación de filosofía do dereito de máis de 15 universidades estatais e estranxeiras. “O obxetivo xeral deste proyecto coordinado foi elaborar unha teoría xeral sobre os conflitos entre dereitos subxectivos e sobre os mecanismos teóricos e prácticos para a súa resolución”, comenta Pablo Raúl Bonorino.

Catro casos concretos

Neste marco xeral, o subproxecto desenvolvido baixo a coordinación do catedrático da Universidade de Vigo tivo como reto “analizar o proceso que leva de certos conflitos de dereito no ámbito da moralidade política á produción de certas normas xurídicas en particular”. Para facelo, abordáronse, tal e como indica Pablo Raúl Bonorino, “catro situacións específicas nas que se pode apreciar dito proceso: a evolución dos sistemas de castigo, a concreción nos ámbitos locais dos dereitos humanos das mulleres, o desafío que o cambio climático representa para o dereito ambiental e a mercantilización crecente de ámbitos non relacionados con actividades económicas”. Dado que se tratou dunha abordaxe desde a filosfía do dereito, desde a teoría, as e os especialistas involucrados neste traballo, explica o profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, “o que fixemos foi dalgunha maneira proxectar as nosas reflexións máis xerais sobre os conflitos de dereito a estes casos aplicados”.

O catedrático da Universidade de Vigo recalca sobre o enfoque do proxecto como “non somos un grupo de dereito ambiental ou de dereitos das mulleres, nós traballamos desde algo moito máis xenérico e máis abstracto, desde a filosofía do dereito”. Porén, comenta, “as xeneralidades, o abstracto, non deixan de ter un impacto práctico polo que non deixa de ser bo que de vez en cando nós fagamos un percorrido para ver como as cuestións máis xenéricas que un aborda impactan nalgúns aspectos concretos”. Nesta perspectiva, sinala Pablo Raúl Bonorino, a abordaxe dos catro casos citados “non é un intento de explorar esas rexións en particular senón tomalas como campo de proba para as teorías máis xerais, que cando un as defende parece que está todo ben pero se as pasamos logo ao caso concreto hai que ver se estaríamos dispostos a seguir sosténdoas”. Trátase, apunta o catedrático, do “que en filosofía se chama a busca dun equilibrio reflexivo, a busca do equilibrio entre as crenzas máis xerais e abstractas que podes concibir no teu despacho e as túas intuicións puntuais sobre problemas prácticos. Cando a incoherencia se manifesta un debe recuperar o equilibrio no conxunto de crenzas e decidir: ou cambio as miñas concepcións máis xerais ou cambio a miña forma de pensar sobre certos problemas prácticos”.

O estudo reflexivo arredor dos catro casos analizados, indica o seu coordinador, “permitiu enriquecer a teoría xeral desde unha perspectiva diferente, permitiu explorar en maior detalle a xénese e o impacto dos chamados dereitos sociais ou colectivos”. Froito deste traballo realizáronse, comenta Pablo Raúl Bonorino, “unha serie importante de publicacións” e distintas actividades, como os seminarios anuais Feminismo e teoría do dereito, Pensar o dereito e o Congreso binacional México-España. Sobre a continuidade desta liña de investigación, o catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo explica como as persoas que participaron neste proxecto coordinado “levamos moitos anos colaborando e os proxectos que desenvolvemos sempre son a antesala dos seguintes, no noso campo non hai a idea de peche”. Así, o equipo xa ten solicitado un novo proxecto á convocatoria Retos no seu eido de estudo.