DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sexta andaina deste curso desenvolverase polo val do Vez e Sistelo

O 'pequeno Tíbet' de Portugal, próximo destino das rutas culturais

A cita será o sábado 25 de xaneiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 17/01/2020

No val do Vez, a localidade lusa de Sistelo é coñecida como o 'pequeno Tíbet' de Portugal pola súa característica paisaxe de montaña e socalcos que lembra á rexión asiática. Ela é o destino elixido para a sexta ruta cultural que organiza este curso académico a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. No roteiro, que terá lugar o sábado 25 de xaneiro, participarán persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo.

A Ruta 6. O pequeno Tíbet. Val do Vez. Sistelo (Portugal) conta cun traxecto de 18 quilómetros e permitirá ás e aos participantes coñecer Sistelo, unha aldea-monumento do Parque Nacional da Peneda Gerês elixida en 2017 como mellor aldea rural de Portugal, e a súa contorna. “É unha ruta non bonita, espléndida, unha ruta marabillosa”, apunta José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais desde o campus de Ourense. Á beleza propia do pobo de Sistelo, explica, engádese a riqueza e diversidade da paisaxe que se pode ver ao longo de todo o percorrido. "É difícil atopar unha ruta que recolla como esta tantos tipos de paisaxe, montaña, socalcos de prado que antes eran viñas, río, etc”, comenta José García-Calvo.

Fronte a esta beleza, o coordinador dos roteiros universitarios advirte que esta andaina terá unha “dificultade media-alta en esforzo”, salientando que se trata dun percorrido no que boa parte do traxecto ten subidas e baixadas “de distancias cortas en altura pero pronunciadas”, con pendentes destacadas. Nos seis últimos quilómetros da andaina esta dificultade suavízase xa que transcorre por un traxecto de pasarelas de madeira ao carón dun río. A pesar desta dificultade e da viaxe que hai que realizar en autobús para chegar ata o enclave da ruta, José García-Calvo recalca como esta andaina “é unha preciosidade, merece a pena e compensa a todas luces o esforzo”.

Inscrición

A inscrición en liña en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro ábrese a inscrición a calquera persoa interesada, apuntándose desde a organización das andainas como o sistema de matrícula vén de actualizarse recentemente. Os prezos de matrícula oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, habendo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.