DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na presentación no campus da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade

O persoal investigador do campus infórmase das novas convocatorias comunitarias

Tamén se abordaron unha exemplos de boas prácticas na preparación de proxectos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 27/11/2019

O pasado mes de outubro, a Universidade de Vigo presentou a súa Oficina de Proxectos Internacionais (OPI), que ten como obxectivo fomentar a participación da comunidade académica e dos grupos de investigación en programas internacionais, prestando apoio e asesoramento aos investigadores e investigadoras nos procesos de solicitude, xestión e xustificación dos proxectos. Co propósito de dar a coñecer este servizo entre no campus pontevedrés, a sede da Vicerreitoría acolleu este mércores unha presentación desta nova oficina, así como das convocatorias europeas de educación e cooperación publicadas nestas semanas pola Comisión Europea.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director científico da OPI, Jorge Pérez Juste, e a técnica superior de Relacións Internacionais Eva Garea participaron na presentación desta “nova oficina, que significa tamén unha nova organización de todos os procesos que teñen que ver cos proxectos de ámbito internacional”, como salientou Soto. Nesta presentación, Pérez Juste puxo de relevo a “necesidade de xerar unha estrutura dentro da Universidade”, co propósito de axudar e asesorar aos investigadores “non só na presentación de proxectos, senón tamén na súa tramitación”. O director científico da OPI informou aos investigadores e investigadoras da estrutura e funcións desta oficina con sede no edificio Filomena Dato do campus vigués e centrada tanto en proxectos internacionais de investigación como educativos. Tanto Pérez Juste como Garea incidiron así mesmo na importante cantidade de fondos que suporá a posta en funcionamento, o vindeiro ano, do programa Horizon Europe, “que abre unas vías de captación de fondos moi interesantes para a Universidade”.

Convocatorias abertas e casos de éxito

Trala presentación da oficina, a actividade centrouse, da man de Eva Garea, en afondar polo miúdo nas novas convocatorias de cooperación e educación que recentemente impulsadas pola Comisión Europea. Concretamente, Garea centrouse en diferentes accións do programa Erasmus+, como as axudas para a mobilidade do programa KA1, e, máis en concreto, a posibilidade de impulsar mestrados conxuntos Erasmus Mundus entre institucións de cando menos tres países. A técnica da OPI abordou tamén as diferentes posibilidades de traballo no eido de “cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas” que se agrupan dentro da acción KA2, como o impulso de asociacións estratéxicas e de alianzas para o coñecemento e para competencias sectoriais. A presentación completouse abordando a liña de “apoio á reforma de políticas” da acción KA3,  as diferentes actividades Jean Monnet, centradas “nos estudos sobre a Unión Europea”, e a recentemente impulsada convocatoria para proxectos vinculados ao deporte Erasmus Sport.

Coa participación dos investigadores responsables de proxectos KA2 coordinados pola Universidade de Vigo José Luis Salgueiro e Jesús Meiriño, esta xornada pechouse abordando cos e coas asistentes unha serie de “boas prácticas e experiencias exitosas, tomando como referencia proxectos xa aprobados”, explicou Garea.