DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo de conferencias que arranca esta semana en Ciencias Xurídicas e do Traballo

Poñentes de recoñecido prestixio achegan ao alumnado o mundo do Dereito Concursal

Organizadas pola Área de Dereito Mercantil as charlas prolongaranse ata o 3 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 18/11/2019

“Trátase de achegar o mundo do Dereito Concursal ao alumnado a través de profesionais moi recoñecidos no sector”. Así explica o profesor Pablo Fernández Carballo-Calero o obxectivo principal do VII Ciclo de conferencias de Dereito Concursal, actividade organizada pola Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo e que mañá martes arranca unha  nova edición na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. A inauguración será na aula 209 ás 19.00 horas coa participación dos directores do ciclo, os docentes Anxo Tato e Julio Costas, e do primeiro poñente, Christian Herrera, profesor titular da Universitat Pompeu Fabra, que afondará na figura do administrador concursal avogado.

“O ciclo presenta un programa ambicioso no que hai un administrador concursal, un profesor de universidade, un xuíz substituto, un letrado da administración de xustiza, un representante da empresa privada e un avogado”, apunta Fernández Carballo-Calero, coordinador do ciclo, ao que engade que esta actividade arrancou en 2013 coa intención de analizar cuestións relevantes desta disciplina e achegarllas ao estudantado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e ao resto de persoas interesadas. “O normal é que teñamos en torno a 40 matriculados e matriculadas”, salientou o coordinador, quen valora “moi positivamente” que o ciclo acade xa a súa sétima edición “algo que non é nada doado” e, neste sento, agradece especialmente o apoio que lles presta o Consello Social.

Charlas de carácter moi práctico e nas que se potencia o debate

Realizaranse un total de cinco charlas en horario de tarde, todas elas moi prácticas e nas que se potencia o debate e o coloquio cos asistentes. Tras a conferencia inaugural de Christian Herrera, o seguinte relatorio será o luns día 25 e correrá a cargo de Guillermo Velasco, avogado e profesor do centro universitario privado CUNEF, especializado no ámbito da administración e dirección de empresas, a economía, o dereito e as finanzas. Ao día seguinte, o martes 26, Carlos Borrajo, avogado especialista en Dereito Mercantil, afondará no tema da estratexia empresarial fronte ao concurso de acredores.

Os relatorios continuarán xa no mes de decembro cunha cuarta e unha quinta conferencia. O luns día 2 Rafael García, da Universidade da Coruña, falará sobre a declaración de concurso, e o martes 3 José Tronchoni, secretario coordinador provincial de Pontevedra, pechará o ciclo co relatorio A función do letrado da administración de xustiza no concurso. Tras a súa intervención será o coordinador do ciclo, Pablo Fernández Carballo-Calero, o que se encargue da clausura e da entrega de diplomas.

A inscrición, totalmente gratuíta, manterase aberta ata o propio día de comezo do ciclo e pode realizarse no seguinte correo electrónico: pcarballocalero@uvigo.es