DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É un dos poucos españois que foi nomeado ‘fellow’ desta entidade

A prestixiosa sociedade económica SAET homenaxea en Italia ao profesor Carlos Hervés

Quixo conmemorar e salientar a traxectoria deste destacado investigador

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 09/07/2019

En 2011 o catedrático da Universidade de Vigo Carlos Hervés, coordinador da agrupación estratéxica Ecobas, entrou nun selecto club de economistas no que apenas hai integrantes españois e do que forman parte varios premios Nobel (Edward C. Prescott, Kenneth Arrow, Robert J. Aumann, Eric S. Maskin…) e esta mesma entidade, a Sociedade para o Avance da Teoría Económica, SAET, acaba de homenaxealo con motivo do seu 65 aniversario na súa última conferencia anual, celebrada na cidade italiana de Ischia.

A homenaxe realizouse ao abeiro da sesión titulada Issues on Economic Theory, organizada por Achille Basile e Maria Gabriella Graziano, da Universidade Federico II de Nápoles, e moderada por Nicholas Yannelis, editor da revista Economic Theory. Nela participaron coma relatores a profesora  Claudia Meo, da Universidade de Nápoles, e tres dos discípulos científicos do profesor Hervés, representantes de distintas xeracións: Emma Moreno, catedrática da Universidade de Salamanca; Joao Correia da Silva, profesor da Universidade de Porto; e Hugo del Valle-Inclán, actual investigador de predoutoramento na Universidade de Vigo.  

Con esta homenaxe, á que asistiron moitos compañeiros de profesión de Hervés, coma Timothy Kehoe, profesor da Universidade de Minesota e doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo; M. Ali Khan, da Johns Hopkins University; Konrad Podczeck, da Universidade de Viena, ou Anne Vllamil, da Universidade de Illinois, a SAET quixo conmemorar e salientar a traxectoria deste destacado investigador.

Unha prestixiosa entidade con sede na Universidade de Illynois

A Society for the Advancement of Economic Theory (SAET) ten a súa sede na Universidade de Illynois en Estados Unidos. Fundada polos prestixiosos investigadores Nicholas C Yannelis, Charalambos D. Aliprantis e o Premio Nobel de Economía Edward C. Prescott.

O obxectivo desta sociedade é avanzar no coñecemento en economía teórica e facilitar a comunicación entre os investigadores en economía, matemática, teoría dos xogos, ou calquera outro campo que é potencialmente útil para a teoría económica. Entre outras actividades, organizan un congreso anual que se ten celebrado en diferentes lugares do mundo de xeito ininterrompido desde o 1993 -cada dous anos celébrase nalgún país europeo- e nel reúnen os mellores economistas académicos a nivel mundial.