DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do programa de accesos transnacionais de Assemble Plus 

Preto dunha vintena de investigadores estranxeiros elixen a Ecimat para desenvolver os seus proxectos 

A cuarta convocatoria do programa está aberta ata o 21 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Visitas
  • Investigación
DUVI 04/06/2019

Persoal investigador de varias institucións estranxeiras elixiu a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), que integra a European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC), para desenvolver parte dos seus proxectos en temáticas como o cambio climático, ecotoxicoloxía, estudo de aves mariñas, criopreservación de organismos mariños ou procesos de especiación en caracois mariños. Ata este momento, a Ecimat, infraestrutura principal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, acolleu nove investigadoras e investigadores, e outros nove chegarán este mes, procedentes de institucións de Reino Unido, Italia e Portugal, ao abeiro do programa de accesos transnacionais (TNA) de Assemble Plus (Association of European Marine Biological Laboratories Expanded), “un proxecto que ofrece ao persoal investigador e técnico de institucións públicas e privadas das EMBRC-ERIC acceso a unha ampla variedade de ecosistemas mariños, recursos biolóxicos e instalacións experimentais e analíticas de primeiro nivel, distribuídas por toda Europa”, explica Fiz da Costa, responsable dos accesos transnacionais do proxecto Assemble Plus no CIM.

O programa europeo cobre o uso das instalacións e servizos en cada unha das infraestruturas incluídas no proxecto para un máximo de dous investigadores, así como os custos da viaxe, aloxamento e manutención. “Aínda que a maioría de investigadores prefire desenvolver os seus experimentos de xeito presencial, o programa de TNA de Assemble Plus permite tamén o acceso remoto a algúns servizos da Ecimat, como a recollida de organismos mariños nas rías baixas galegas, o envío de organismos de coleccións de cultivo ou subministro de organismos de cultivo enviados aos investigadores sen necesidade de desprazase á estación mariña”, detalla Da Costa.

O programa de accesos transnacionais ten un total de sete convocatorias e das tres aprobadas ata o de agora, a Ecimat acolleu unha ducia de proxectos: tres nas dúas primeiras convocatorias e seis na terceira. A cuarta convocatoria atópase neste intre aberta ata o 21 de xuño.

Elevado grao de satisfacción das e dos investigadores coa Ecimat

As e os nove investigadores que desenvolveron o seu traballo na Ecimat ao abeiro do das dúas primeiras convocatorias do programa de acceso transnacional, manifestaron un elevado grao de satisfacción cos servizos da estación. Francesca Raffini e Roger Butlin da Universidade de Sheffield destacaron “o magnífico soporte e a infraestrutura achegada pola Ecimat permitiunos realizar mostraxes e experimentos nas costas rochosas de Galicia, xerando novos datos de interese para as nosas investigacións nos procesos de especiación de carafio mariño”. 

Algúns investigadores incluso repetiron experiencia na Ecimat, despois que os seus proxectos fosen aceptados en dúas convocatorias. Así mesmo, todas e todos os participantes no programa de accesos transnacionais participan nas conferencias celebradas na Ecimat, emitidas en streaming e dispoñibles de xeito permanente nas webs de UVigoTV e CIM-UVigo.