DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada organizada polo grupo de investigación Ephyslab

Preto de medio centenar de especialistas afondan nos modelos de referencia en simulación de fluídos

Durante a cita analizaron as últimas melloras computacionais acadadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 17/10/2019

Para desenvolver mapas de risco ante inundacións provocadas por períodos intensos de choiva, para comprobar a resistencia dunha infraestrutura costeira fronte ao impacto das ondas do mar, para valorar o deseño dunha turbina... A simulación de fluídos e o seu modelado numérico ten un amplo e relevante campo de aplicación práctica, sendo na actualidade unha ferramenta fundamental para a xestión por exemplo de recursos e a prevención de riscos relacionados coa auga. Para coñecer os últimos avances computacionais neste eido, este mércores e xoves o campus de Ourense acolleu as xornadas HPC for Geophysical Fluid Dynamics 2019.

A cita, organizada polo Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) da Universidade de Vigo, reuniu a arredor de medio cento de especialistas que usan en investigacións de excelencia HPC (high performance computing), alumnado de diferentes disciplinas e especialistas de empresas interesadas para falar dos últimos avances na aplicación destas técnicas no desenvolvemento de modelos numéricos para a simulación de fluídos. O evento, coordinado polos investigadores de Ephyslab José Manuel Domínguez e Orlando García e vinculado ao proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, contou cun comité científico no que participaron investigadores das universidades de Cantabria, A Coruña, Manchester (Reino Unido), Gent (Bélxica) e o Instituto Superior Técnico de Portugal. Nel colaboraron, ademais da Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, o Centro de Investigación Mariña, o Cesga e a Rede Española de Supercomputación.

Dualsphysics, Iber e Ihfoam

As e os asistentes a HPC for Geophysical Fluid Dynamics 2019 tiveron a oportunidade de escoitar as intervencións de especialistas no modelado numérico e HPC e principalmente aos desenvolvedores de modelos referentes neste eido. Concretamente, durante as xornadas presentáronse os últimos avances nos modelos numéricos Dualsphysics, Iber e Ihfoam, traballando Ephyslab no desenvolvemento dos dous primeiros. Dualsphysics, explicaron os coordinadores da xornada, é un modelo de simulación de fluídos en 3D que utiliza partículas e que se emprega en simulacións nas que a auga impacta con violencia en estruturas en tres dimensións, como estruturas costeiras. Este modelo, indicaron, “permite estudar fenómenos máis complexos e a escala máis pequena, requirindo moita máis capacidade de cálculo que por exemplo Iber”. Recalcando a “moi boa acollida” deste modelo, entre os exemplos de uso real que se teñen feito del apuntaron como “en Bélxica usouse para deseñar un sistema de protección mariña na zona costeira, para probar distintos bloques de formigón para ver cal resistía mellor as ondas do mar”.

Iber, pola súa banda, detallaron os investigadores de Ephyslab, é un modelo empregado para a simulación de inundacións en dúas dimensións, para valorar o alcance e o impacto de fenómenos de transporte en inundacións en zonas como concas de ríos ou de estuarios. “É un modelo que serve para simular grandes extensións de terreos, por exemplo inundacións nunha cidade”, indicaron os coordinadores do evento. No desenvolvemento deste modelo, sinalaron, Ephyslab traballou principalmente coa Universidade da Coruña e a Politécnica de Cataluña, tendo colaboradores en diferentes universidades estatais e foráneas. Dispoñible desde o 2010, comentaron, “a versión que desenvolvemos aquí de Iber, que é a versión acelerada para altas prestacións, está dispoñible desde principios deste ano e por exemplo empregámola para ter un sistema de alerta temperá de inundacións”.  

Estes tres modelos, comentaron os coordinadores do evento, son “referentes internacionais” no seu eido, sendo considerados “das implementacións máis punteiras que hai agora mesmo en canto a rendemento e funcionalidades”. Durante a xornada os propios desenvolvedores destes modelos, recalcaron desde a organización, expuxeron as últimas melloras feitas neles e os seus datos de rendemento. Os tres referentes manexados, indicaron, “non son excluíntes, xa que cada un ten o seu campo de aplicación e moitas veces tes incluso que combinalos para facer a simulación que queres”.